Cultura

Profesionais do deseño internacional crean en galego polo Día das Letras

Este 17 de maio verán a luz as primeiras creacións da web falame.gal
Unha das creacións de falame.gal
photo_camera Unha das creacións de falame.gal

O Día da Letras Galegas tamén se celebra desde a diáspora. Entre as múltiples iniciativas da rede, este 17 de maio farase pública a web falame.gal, un proxecto que celebra as posibilidades do galego desde o exterior e pretende servir como convite para "falar máis a nosa lingua", segundo expresan os seus promotores.

Esta iniciativa conta coa colaboración de diferentes deseñadoras e deseñadores de recoñecido prestixio internacional, que foron desafiados a experimentar co galego creando un visual coa frase "Eu son a túa lingua. Ti es a miña fala". As primeiras creacións verán a luz no enderezo antes ditado a partir deste domingo, como especial homenaxe polo Día das Letras.

Con esta premisa quérese demostrar "que as posibilidades da nosa lingua está nos seus falantes. Canto máis diversos os falantes, os seus estilos e os seus léxicos, máis rica será a nosa lingua", expresan os creadores. "Cantas máis voces se expresen en galego, máis viva estará a nosa cultura", insisten. 

Dous galegos en Nova York

Detrás deste proxecto atópanse Pablo Honey e Tino Barreiro dous creativos galegos que promoven iniciativas relacionadas coa cultura galega desde Nova York, cidade na que actualmente residen por motivos laborais.
 

Comentarios