As ilustradoras galegas súmanse ao descontento co plan para a cultura da Xunta

A Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) súmase ás críticas xeralizadas ante a exclusión das creadoras do Plan de reactivación da Cultura da Xunta da Galiza.
Obradoiro da AGPI.
photo_camera Obradoiro da AGPI.

A Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) é o último dos colectivos sectoriais en sumarse ás críticas xeralizadas que está a recibir o Plan de reactivación da cultura e o turismo promovido pola Xunta, un texto que cualifican como “ambiguo, insuficiente e pouco adaptado á realidade dos profesionais da creación gráfica e da ilustración”.

O colectivo de ilustradoras, xa “precarizado previamente e fortemente golpeado pola crise da COVID-19” considera que se deixan de lado as súa necesidades específicas, “a pesar de ser o seu traballo a base do propio sector”. Súmanse así a outras asociacións galegas que veñen demandando, para alén da falta de concreción do plan, a intemperie na que deixa o tecido laboral de artistas e técnicas.

O colectivo de ilustradoras, xa “precarizado previamente e fortemente golpeado pola crise da COVID-19” considera que se deixan de lado as súa necesidades específicas, “a pesar de ser o seu traballo a base do propio sector”

“Non se pode esquecer que temos necesidades, sensibilidades e, sobre todo, vulnerabilidades diferentes”, lembran, mais a súa profesión non aparece nomeada en ningún momento, como acontecía co caso da danza. Se ben a ilustración podería estar vencellada ás medidas de apoio ao sector do libro, estas diríxense ás empresas editoriais, librarías, feiras do libro, traducións e bibliotecas...

Así, sinalan, quedan á marxe creadoras quer gráficas quer literarias, como tamén reivindicaba nunha entrevista a Nós Diario o presidente da Asociación Galega de Escritoras e Escritores (AELG), Cesáreo Sánchez. Igualmente, é xustamente esta a premisa que deu lugar unha das últimas iniciativas por facer forza conxunta entre estes dous eidos: A creación literaria galega en perigo de extinción.

A falta de concreción do plan provoca a incerteza das ilustradoras en canto a se os adiantos de dereitos serán subvencionábeis, unha práctica fundamental no seu campo de traballo. Igualmente, desde AGPI reclaman que as axudas se concedan só a aquelas editoriais cuxos contratos de cesión de dereitos “estean libres de ilegalidades ou cláusulas abusivas”.

Profesionais artísticas

Doutra banda, as ilustradoras tamén apuntan a falta de concreción das axudas á creación no ámbito artístico, que observan ao tempo moi difíciles de aplicar á súa actividade. Refírense en concreto ás que se presentan “como apoio ás artes plásticas (artistas e comisarios), sen especificar que disciplinas están incluídas”. Da mesma maneira, súmanse á denuncia de asociacións como A Colectiva, sen entender que estas subvencións se dediquen unicamente a menores de 35 anos.

O fondo do Xacobeo

O Conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, xustificaba a ausencia directa a axudas a creación coa posta en marcha do fondo para proxectos culturais Xacobeo 2021. Está medida, que poderá solicitarse a partir da segunda feira 25 de maio até 31 de xullo contempla o financiamento a iniciativas de empresas, cooperativas, entidades sen ánimo de lucro e autónomos financiadas ao 100% con achegas entre 4.000 e 10.000 euros.

Román Rodríguez, xustificaba a ausencia directa a axudas a creación coa posta en marcha do fondo para proxectos culturais Xacobeo 2021

Aínda pendente de publicar a convocatoria, a priori semella tamén de difícil encaixe para as ilustradoras en concreto e as creadoras en xeral, fóra do eido máis industrial. Segundo adiantou onte a Consellaría de Cultura, contemplaríanse servizos como deseño, produción técnica ou subministro de materiais e expresións artísticas, mais non ofreceron detalles concretos de como se desenvolverá.

Mudar o paradigma

“A creación gráfica actual é un oficio transversal, que se espalla por diferentes medios e industrias, sendo a figura concreta do creador un suxeito comunmente ignorado pola administración”, reclaman desde AGPI. Igualmente, chaman á unidade do sector ante a crise como “oportunidade de cambio de paradigma” dentro da súa marxinación.

Comentarios