A Plataforma das Artes Escénicas toma o Salón Teatro para realizar unha asemblea reivindicativa

Uns setenta profesionais da escena ocuparon esta noite a sede do CDG trala representación dunha montaxe de Talía para visibilizar as dificultades do sector e protestar pola actitude da Consellería de Cultura e Educación que, aos seus ollos, está a afogar o sector. Celebraron unha xuntanza que durou case tres horas, chea de debate e propostas de acción
asemblea actores

“Os profesionais das artes escénicas e musicais, e o público para o que traballamos, vivimos coa pavorosa sensación de estarmos inmersos nun claro desmantelamento cultural, provocado pola falta de ideas e plans de futuro, lexitimado coa máscara da crise. Esta situación vese agravada nestes momentos pola ausencia total de interlocución co secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e co conselleiro de Cultura, Jesús Vázquez”. Con estas palabras comezou o manifesto que a Plataforma das Artes Escénicas e Musicais deu a coñecer a noite deste sábado no Salón Teatro de Santiago trala representación d'O método Grönholm, de Talía Teatro.

"Os profesionais das artes escénicas e musicais, e o público para o que traballamos, vivimos coa pavorosa sensación de estarmos inmersos nun claro desmantelamento cultural

O manifesto foi o preludio da ocupación da sede do Centro Dramático Galego (CDG) por máis de setenta profesionais das artes escénicas que decidiron celebrar unha asemblea reivindicativa e aberta para abordar as serias dificultades que atravesa o sector. Deste xeito, e sen aviso previo aos responsábeis do CDG, os membros da Plataforma levaron a cabo unha das iniciativas que se decidiran o pasado luns, cando convocaran unha reunión aberta no Salón Teatro, pero que tiveron que celebrar na rúa, xa que a Consellería de Cultura e Educación lles negou o acceso ao emblemático local. O departamento dirixido por Jesús Vázquez xustificou a súa negativa en que o devandito local non se abría por "actos non artísticos" e ofreceu o Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega) como alternativa, que a plataforma decidiu desbotar.

 "Mínima desobediencia"

Ante a situación daquel luns, as ducias de profesionais que acudiron á asemblea na rúa optaron por tomar a vía dunha "mínima desobediencia" e 'asaltaron' o balcón do edificio para pendurar unha pancarta co lema habitual das súas protestas: "Desmantelamento da cultura, non". Ademais, a asemblea decidiu que se celebraría un novo acto reivindicativo o sábado, ocupando o teatro despois da representación de Talía e analizando nunha nova asemblea as complexas circunstancias que están a afogar as compañías e mirrando a profesionalización do sector.

"Diante da covardía política, provócanos unha impotencia terríbel esta situación na que os administradores non queren dialogar cos seus representados”, reflexionou Xúlio Lago

“Este espazo, o Salón Teatro e tamén a Agadic, só teñen sentido con nós. E diante da covardía política, provócanos unha impotencia terríbel esta situación na que os administradores non queren dialogar cos seus representados”, reflexionou Xúlio Lago en referencia á falta de comunicación cos responsábeis da Consellería de Cultura e á negativa dese organismo a abrir o Salón Teatro na asemblea convocada o pasado luns. “Ese día non quixeron que fixeramos a asemblea aquí dentro e hoxe fixémola nós igual”, reivindicou Salvador del Río, presidente de Escena Galega, nos primeiros compases da asemblea celebrada no interior do Salón Teatro, que durou case tres horas e na que estivo presente como oínte o director do CDG, Manuel Guede.

Falta de diálogo 

Unha asemblea longa, intensa e de moito debate, no que os traballadores do sector tomaron a palabra para denunciar, unha vez máis, a falta de diálogo e a actitude dos responsables da política cultural da Xunta. Unha actitude que, dende o seu punto de vista, estalles afectando moi negativamente ás diversas disciplinas da escena galega. Máis alá das consecutivas tesoiradas e dos habituais atrasos nos pagamentos, os profesionais do sector ven un gran problema na falta de estratexia da Consellería. Nese senso, reclaman a posta en marcha, e contando coa opinión do sector, dun plan, dunha folla de ruta que permita traballar a longo prazo e dentro duns parámetros establecidos. “Non teñen un plan, carecen de estratexia e non hai diálogo”, resumiu Salvador del Río as sensacións.

“Non teñen un plan, carecen de estratexia e non hai diálogo”, resumiu Salvador del Río

 A rede de teatros e a 'desastrosa' Agadic

Ao longo da noite, os asistentes enumeraron as reivindicacións máis urxentes do sector. Unha das que máis rápido saíu á palestra foi a parálise da Rede de Teatros e Auditorios, creada en 1996 para aglutinar un bon número dos teatros do país e que sustenta gran parte da programación anual. A tal hora, a citada Rede fica paralizada e sen unha data clara para a súa posta en marcha para este ano. No sector respírase unha fonda preocupación ante a posibilidade de que a citada rede siga os mesmos pasos que outras iniciativas institucionais que xa foron liquidadas, como o programa Camiños da Cultura ou como a Feira das Artes Escénicas, que en 2011 se celebrou baixo mínimos e que en 2012 xa nin se cheirou.

A asemblea tamén puxo o seu foco con gran insistencia na situación que vive a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), cuxa dirección está vacante dende que o pasado outubro abandonase o cargo Juan Carlos Fasero, quen liscou a un posto menos problemático na SGAE de Antón Reixa. Sen unha cabeza visíbel na Agadic, o sector atópase sen o seu interlocutor natural e o diálogo coa administración vese dificultado. Pero máis alá da dirección descabezada, os asistentes cuestionaron o funcionamento do organismo mesmo dende a súa creación e, principalmente, nos últimos tempos. “A Agadic é un auténtico desastre. Agadic non funciona, é unha tomadura de pelo. E temos que ter moi claro que se existe Agadic é porque existimos nós, como tamén existe o CDG porque existimos nós. A Agadic ten que ser nosa”, reflexionou o actor Antonio Durán Morris.

 Como non podía ser doutro xeito, a Cidade da Cultura tamén estivo presente na asemblea como foco de posíbeis accións de futuro e como un problema tremendo para o sector cultural, xa que un bon feixe de millóns acaban no complexo de Eisenman mentres as diferentes áreas culturais ven minguar os seus recursos mediante a sistemática tesoirada de austeridade aplicada polo Goberno autonómico. Mesmo houbo propostas de lemas para as protestas na Cidade da Cultura. “O Gaiás pase algo que te borre de pronto”, escoitouse no Salón Teatro citándose con ironía a canción de Ojalá de Silvio Rodríguez.

Iniciativas e a "forza da Plataforma"

Gran parte da asemblea nocturna no Salón Teatro xirou ao redor das iniciativas reivindicativas que pode levar a cabo unha Plataforma que, dende esta semana, aumentou en volume. “A nosa forza vese cada vez máis. A Plataforma das Artes Escénicas cambiou de nome o pasado luns e pasou a chamarse Plataforma das Artes Escénicas e Musicais, xa que se sumaron na participación os músicos”, explicou Zé Paredes. E “esa forza” é a que queren canalizar dende este colectivo con diferentes iniciativas que se foron debatendo para conseguir obxectivos claros. Entre elas, discutiuse a posibilidade de pasar a noite no propio Salón Teatro para tentar visibilizar a situación, aínda que foi descartada. Tamén se tratou a opción de fomentar algún tipo de folga xeral dentro do sector cultural. Outra das ideas analizadas na enxurrada de propostas foi a posibilidade de cambiar o foco e buscar responsabilidades administrativas noutros departamentos do Executivo, xa que a Consellería de Facenda e a de Industria fan parte do consello asesor dunha Agadic que, para os profesionais do sector, está sumida no desleixo e desatendendo as súas obrigas.

O debate e o intercambio de opinións ía e volvía dun tema a outro, mais sempre tiña o seu eixo central en dúas cuestión fundamentais: o funcionamento deficiente da Agadic e a política cultural da Xunta. “Teñen que se comprometer co futuro cultural do país”, insistiu Morris. Con ese pensamento, os asistentes teñen a intención de realizar novas iniciativas, máis contundentes e máis visíbeis, e que irán discutindo no futuro próximo. Os obxectivos resúmense en garantir a supervivencia das artes escénicas e musicais e, para iso, os seus profesionais están dispostos a actuar dende xa. “Hai que iniciar a rebeldía”, reflexionou Morris, quen xa apostara a pasada segunda feira por comezar “cunha mínima desobediencia” como o punto de saída dunha loita clara: unha loita contra a “súa morta non visible”.

Comentarios