As profesionais de arquivos, bibliotecas e museos piden que se apliquen plans de igualdade

Emiten un comunicado no que demandar que as persoas “estean no centro” e revisar as políticas arquivísticas, bibliotecarias e museolóxicas con perspectiva de xénero.

Interior da Biblioteca Ánxel casal de Compostela (B. Ánxel Casal)
photo_camera Interior da Biblioteca Ánxel casal de Compostela (B. Ánxel Casal)

A asociación de profesionais dos arquivos, bibliotecas, museos e centros de documentación da Galiza (Bamad) demandaron, a través dun comunicado, contar con “servizos con recursos e medios suficientes que poñan as persoas no centro”.

Este sector, fortemente feminizado, denuncia que se “desvalorizan os servizos” que prestan, “desprofesionalizándose as áreas de decisión e coordinación” e “non se poñen sobre a mesa os recursos precisos para potenciar centros e servizos que favorezan a todas e todos”.

Aseguran que cada día sofren “as consecuencias do desdén, do desinterese, da desidia dos que toman decisións que non benefician nin á maioría social nin ao desenvolvemento da cultura”.

Estas profesionais reclaman que “as administracións responsábeis deseñen e apliquen plans de igualdade nos arquivos, bibliotecas e museos da Galiza” e que os mesmos “analicen a situación e posicionamento das profesionais” coa intención de poder incorporar “medidas que incidan na mellora do seu desenvolvemento profesional” posto que agora están “pouco valoradas e con escasas posibilidades de promoción” .

Arquivos con perspectiva de xénero

Desde Bamad consideran urxente que “se revisen e actualicen as políticas arquivísticas, bibliotecarias e museolóxicas con perspectiva de xénero e feminista para conseguir que os centros custodien unha memoria xusta e representativa que chegue a todas as persoas e a todos os lugares”.

Ademais piden á Xunta que redacte o plan de arquivos con perspectiva de xénero tal como recollía a proposición non de Lei de xuño de 2019, aprobada por unanimidade no Parlamento da Galiza, pola que se instaba á elaboración e remisión polo Goberno galego ao Parlamento, antes do remate desta lexislatura, do mesmo.

Rematan o comunicado lembrando que este 8 de marzo está “marcado pola situación sanitaria, e aínda que sexa desde os nosos traballos ou desde as nosas casas, entendemos que as reivindicacións son máis necesarias”. Sinalan que as profesionais deste sector “queremos seguir traballando nuns servizos que teñan as persoas no centro con recursos e medios suficientes”.

Comentarios