A profesión teatral exixe medidas para compensar o fechamento dos teatros

Galiza é o único territorio do Estado español onde os teatros permanecen fechados
Escena Galega levou a cabo a campaña A cultura é segura. (Foto: Escena Galega)
photo_camera Escena Galega levou a cabo a campaña A cultura é segura. (Foto: Escena Galega)

Neste momento, a Galiza é o único territorio do Estado español en que os teatros permanecen fechados e a profesión teatral reséntese. A Asociación Galega de Empresas das Artes Escénicas, Escena Galega, vén de facer público un comunicado no que trasladan á Deputación da Coruña e á Xunta da Galiza –as dúas administracións públicas de referencia no desenvolvemento de proxectos e políticas culturais– unha batería de medidas que poidan amortecer o impacto da crise derivada da pandemia sobre o sector.  

Entre estas medidas, destacan a adaptación ao contexto actual das iniciativas promovidas no marco da programación oficial do Xacobeo 2021-2022, así como a ampliación do prazo de programación de espectáculos e a reprogramación das funcións que xa estivesen previstas e que non cheguen ás táboas, tanto na programación autonómica como na da rede de distribución provincial.

“O que está sucedendo é que as funcións que se suspenden nestas datas recolócanse no segundo semestre do ano”, explica Diego Meizoso, xerente de Escena Galega, “mais esa recolocación implica a perda dunha outra función que podería terse contratado como parte da programación de outono-inverno. O que estamos pedindo é que aumenten as funcións do segundo semestre para que a contratación non se reduza e que as compañías poidan rematar o ano cun número de funcións polo menos semellante ao de anos anteriores. Consideramos indispensábel que ningunha función dentro da RGTA (Rede Galega de Teatros e Auditorios) sexa cancelada e que os adiamentos que se produzan en ningún caso substitúan programación, o que suporía de facto unha perda de contratacións”.

A asociación empresarial incide tamén na necesidade de que todos os ingresos que están perdendo neste momento as compañías –un tecido constituído por pequenas e medianas empresas e traballadoras autónomas– sexan obxecto de axudas por parte das administracións para “non ter que seguir endebedándose”. “Desde comezos de ano”, di Meizoso, “houbo xa moitas suspensións e adiamentos, un mínimo de douscentos. Esta situación vai manterse até o 17 de febreiro como mínimo, aínda que hai rumores de que as medidas de feche podería estenderse unha semana máis. Todas eses cartos que deixan de ingresar as compañías provocan moitas disfuncións entre as empresas e os traballadores, e o que estamos pedindo é que se creen unhas axudas específicas para salvar a situación”.

A adaptación ao contexto actual das iniciativas promovidas dentro da programación oficial do Xacobeo 2021-2022, nomeadamente o Fondo de Proxectos que se vehicula desde Política Lingüística, do que consideramos que debe modificarse e aumentarse a nivel orzamentario para asegurar que o maior número de proxectos posíbeis sexan promovidos, ao mesmo tempo que o acceso a liquidez para desenvolvelos chegue de maneira máis rápida.

Mensaxes contraditorias

Por outra banda, a confusión nas mensaxes institucionais tampouco axuda a aclarar o panorama. Nalgún momento, o presidente da Xunta pedía que a xente fose para a casa ao saír do traballo mentres que desde a Consellaría de Cultura se insistía na mensaxe de que “a cultura é segura” e de que non se corrían riscos sanitarios asistindo a unha función teatral. “Si que hai unha contradición nesas mensaxes institucionais”, aclara Meizoso, “mais nós estamos convencidos de que a cultura é segura porque todos os axentes do sector fixeron un enorme esforzo por adaptarse aos protocolos de seguridade ditados polas autoridades sanitarias. O certo é que mesmo nos momentos en que a situación sanitaria era máis preocupante, en plena terceira vaga da epidemia, o Centro Dramático Galego estreou un espectáculo e mantivo todas as funcións, adaptando só o horario para que fose compatíbel co toque de recoller”.

O comunicado de Escena Galega únese ao que fixo público a pasada semana a Asociación de Actores e Actrices da Galiza, no que se reclamaba que se implementase un plan específico para os e as profesionais do sector, seguindo modelos como o levado a cabo en Catalunya no mes de novembro, no que se recollían prestacións directas a traballadoras, seguros de suspensión de funcións e partidas económicas destinadas ao mantemento de estruturas empresariais.

Comentarios