As produtoras independentes de audiovisual piden axuda á Xunta

O sector enfróntase a perdas millonarias pola Covid-19.
Un instante da presentación dos datos. (Foto: Europa Press) #agapi #produtoras #produtorasindependentes #crise #pandemia #perdas
photo_camera Un instante da presentación dos datos. (Foto: Europa Press)

Uxía Caride, xerente da Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi), solicitoulle hoxe á Xunta da Galiza que "estabeleza unha liña de axudas directas para cubrir os sobrecustos de rodaxe" derivados da pandemia. A petición fíxose no acto de presentación dun informe que analiza os efectos da crise derivada da pandemia de Covid-19 sobre o sector audiovisual galego

O informe, titulado Conversas abertas. Estudo cualitativo das produtoras audiovisuais independentes galegas, consiste en 26 entrevistas a membros de empresas de produción -11 do concello de Santiago, 3 da comarca e 12 do resto da Galiza- para coñecer a súa visión sobre a resposta do sector ante a crise.

Na presentación tamén estiveron presentes a responsábel de Cósmica Producións, Nati Juncal, e a concelleira de Acción Cultural do Concello de Santiago de Compostela, Mercedes Rosón, que compartiron a mensaxe da xerente de Agapi

Dos resultados da enquisa derívase que "todas as consecuencias e todos os custos relativos ao protocolo Covid foron asumidos integramente polas produtoras". Nati Juncal puña un exemplo: "Para Cósmica realizar tests de antíxenos todas as semanas ao persoal ten un custo semanal de 15.000 euros", declarou. 

Máis de 3 millóns de perdas no inicio da pandemia

Aínda non se manexan cifras exactas, mais desde a Agapi destacan o dato do mes de marzo 2020, cando comezou a pandemia, no que as produtoras galegas sufriron perdas de 3 millóns de euros, como reflexo da situación económica que vive o sector. A representante de Agapi tamén resaltou que o financiamento de proxectos conxelouse "en moitos casos" e alertaba de que as propostas do sector audiovisual galego independente para 2020 acumulan perdas medias dun 16% do seu orzamento.

Neste sentido, Nati Juncal matizou que os sobrecustos non son só económicos, senón tamén loxísticos e de tempo. "As pequenas produtoras atópanse con problemas na alteración dos ritmos de traballo que acaban imposibilitando ter previsións fiábeis para sacar adiante proxectos", finalizou.

A concelleira de Santiago, pola súa banda, declarou que "ten que ser a Xunta da Galiza a que axude a resolver a situación na que se atopa o sector audiovisual". Como lembra Rosón, "é a Xunta a que ten as competencias plenas en materia de cultura, non os concellos".

Comentarios