A produtora de Musigalité nega 'censura' por parte da TVG no vídeo de Ataque Escampe

Sinala que a televisión pública "emitiu" o programa "tal e como foi editado". O grupo amosou o seu malestar pola decisión de cortar a frase final da canción San Marino

Ataque Escampe
photo_camera [Imaxe de Ataque Escampe / Scd. Condado]

Após a publicación da denuncia pública feita através das redes sociais polo grupo Ataque Escampe a produtora M International Audiovisual púxose en contacto con Sermos Galiza para desmentir que o corte na canción San Marino de Ataque Escampe fose "censura" por parte da CRTVG. 

"Non é xusto dicir que a TVG fixo algo que non fixo"

Neste senso, sinalan que os programas son editados pola produtora e enviados á televisión pública que os emite "tal cal". Aliás, explican que Musigalité constitúe unha produción "multiplataforma" que complementa os contidos emitidos coa publicación através da súa páxina web da versión íntegra na que se pode visualizar a canción en directo sen cortes. 

M International Audiovisual lamentou que se tivese vencellado a CRTVG coa censura porque "nós como produtora decidimos" e "TVG nunca puxo ningunha pega" como, indican, fixeron saber ao grupo. Destarte, subliñan que ao longo do programa foron entrevistados "39 grupos", de entre eles 5 en galego cos que nunca houbo conflito algún. "Non é xusto dicir que a TVG fixo algo que non fixo", salientan. 

O grupo mantén o seu malestar por se ter cortado a última frase: "adeus, cabronazos, voume a un paraíso fiscal como fan os do PP"

Pola súa banda, Sermos Galiza contactou con Ataque Escampe. O grupo editou tamén a súa publicación na rede social Facebook para engadir que "os traballadores da produtora insisten en que as razóns de eliminar esa frase foron puramente técnicas e que a TVG non fixo ningunha observación sobre o contido da canción". 

Porén, manteñen o seu malestar pola decisión de teren editado a peza recortando a frase "adeus, cabronazos, voume a un paraíso fiscal como fan os do PP" pois achan que "non parece que sexa por razón de tempo". "Din que é unha decisión técnica, de post-produción, practicamente ao chou", subliña o grupo. 

Comentarios