sábado 18.01.2020

Á procura dos trazos que nos describan, homenaxe en Vigo a Xela Arias

A Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, AELG, en colaboración co IES Álvaro Cunqueiro celebra esta terza feira, 11 de marzo, unha homenaxe á escritora Xela Arias, cun dos seus versos por título “a procura dos trazos que nos describan”. 

Xela Arias
Xela Arias

Ás 19 horas deste 11 de marzo, no mes no que a escritora faría 52 anos, a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, AELG, celebra no IES Álvaro Cunqueiro, no que  impartiu aulas, unha homenaxe á poeta Xela Arias, dez anos despois do seu pasamento en 2013.  

Participarán no acto persoas que se acheguen a súa traxectoria vital e literaria desde distintos ámbitos de actuación. Os editores Manuel Bragado e Fran Alonso, a editora da súa obra completa que sairá proximamente en Xerais, María Xesús Nogueira, as poetas Antía Otero e Marta Dacosta, o poeta e tradutor da súa obra para o español, Eduardo Estévez, o autor Avelino González e a escritora Ana Iglesias participarán na homenaxe na que intervirá Mercedes Queixas en nome da AELG. A promotora do certame poético Xela Arias do IES a Sangriña mais a poeta premiada Alba Cid intervirán tamén no acto. 

A música virá da man do grupo Xardín desordenado e do clarinetista Fernando Abreu coa voz da tamén escritora Iolanda Zúñiga. 

“Xela Arias, unha escritora que non se pode conter nas marxes da xeración que a viu nacer, transcendeu as lindes da escrita e puxo a palabra en contacto con outras disciplinas artísticas”, destacan na AELG da súa traxectoria polifacética na que a escritora estivo singularmente vinculada ao mundo do libro, como autora, editora e tradutora.

A escritora Marga do Val recorrera a súa traxectoria ao se faceren dez anos da súa morte e a poeta Marta Dacosta lembra á poeta en dous artigos publicados en Sermos Galiza. 

comentarios