xoves 02/12/21
Entrevista a Eli Ríos

"O que procura esta novela é que reaccionemos"

Eli Ríos sacode a narrativa galega con Luns (Xerais), a súa primeira novela e unha das novidades editoriais máis agardadas. Trátase da obra gañadora do Premio Torrente Ballester. Unha narrativa engaiolante, frenética, visceral e revulsiva que se asenta no cotiá dunha muller con cancro. Mais non só, Luns érguese como un espello da nosa sociedade no que mirarse. Sen edulcorantes. Para moverse. Para movernos. Entrevistámola no Sermos Galiza 264. Eis un extracto.

elirios
Eli Ríos

-A protagonista da túa primeira novela é Nerea, unha muller de trinta e sete anos, funcionaria, casada, con dúas crianzas e casa propia. O detonante da novela é o diagnóstico de cancro, dous meses de vida por diante e mil cousas por facer.

-Luns tenta ser un reflexo da vida diaria. Tenta ser un espello no que mirarnos e no que analizar a nosa sociedade. Unha sociedade que esquece o tempo dos coidados, esquece a xente que necesita algo máis alá das leis que despois non se aplican. Estoume referindo á conciliación, estoume referindo aos coidados, estoume referindo a que parece que unha muller que teña un diagnóstico de cancro ten que seguir traballando. E isto non é que o diga Luns, é que o vemos na prensa, por exemplo, co caso da mariscadora que obrigaban a traballar. Son sentenzas e son sentenzas xudiciais, é dicir, que por moita lei que teñamos, se as persoas encargadas de aplicala non teñen un mínimo de formación sobre o xénero, mal andamos.

Miniatura Eli

-“Vou morrer”, así comeza Luns… Coa crueza dun diagnóstico de cancro.

-Temos unhas leis que nos están dicindo que todo vai ben, mais que despois non se aplican. O mesmo acontece coa medicina. Se nós imos a un hospital e se está falando sobre o doente, o enfermo, estamos esquecendo que quen sofre é unha muller. Estamos esquecendo que nin sequera temos ese mínimo de respecto. E isto vai a todos os niveis. No momento en que comezamos e imos na narración dámonos conta do espello do que falabamos antes, dámonos conta de que ás mulleres nos tratamentos médicos ou se nos trata cunha condescendencia que resulta realmente ofensiva ou trátasenos cunha frialdade como se fose o máis normal do mundo. E isto contrasta moitísimo, por exemplo, con outros diagnósticos que se fan nos homes, cando alguén fala sobre un cancro de testículos parece que acabou o mundo. Cal é a diferenza entre un órgano e outro? Un home pode pedir unha baixa por un cancro de testículos pero unha muller ten que ir recoller as crianzas á saída da escola, unha muller ten que rogar que por favor lle permitan o acceso a unha perruca ou a unha prótese… Entón, estamos nuns procesos médicos que si, contan cuns grandes avances, non podemos xeneralizar, pero debemos reformularnos para que estas cousas cambien, debemos ter dereito as mulleres a dicir “estou enferma, teño cancro”. E o que procura esta novela é que reaccionemos. Non poñamos un emoji no Facebook ou un “síntoo moito”. Non. Imos facer cousas en realidade, imos botar man en realidade. Por iso o que procuraba con esta narración visceral é unha obra que chegue directamente ao hipotálamo. É dicir, reacciona.

[Podes ler a entrevista íntegra no Sermos Galiza 264, á venda na loxa e nos quiosques habituais]

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

"O que procura esta novela é que reaccionemos"
comentarios