A procura de "espazos aínda pouco transitados" válelle a Quico Valeiras o Lorenzo Baleirón

'Urda' é o título do poemario galardoado. Por outra banda, o Premio de Investigación en Humanidades e Ciencias Sociais Olimpio Arca fica deserto.
Quico Valeiras. (Foto: Rubén L. Taín)
photo_camera Quico Valeiras. (Foto: Rubén L. Taín)

Francisco 'Quico' Valeiras (O Carbaliño, 1990) vén de sumarse á longa nómina de poetas galardoadas co Premio Eusebio Lorenzo Baleirón, nesta 33ª edición dun dos certames máis recoñecidos do país. Urda é o título da obra seleccionada entre 25 aspirantes.

O galardón que convoca o Concello de Dodro está dotado con 2.500 euros en metálico e a edición do poemario. O xurado estivo composto por Elvira Ribeiro, Ana Salgado, Antón Blanco, Míriam Ferradáns e Iolanda Pérez, co alcalde, Francisco Xabier Castro, como presidente, e Xoán Xosé Vicente, concelleiro de Cultura, como secretario.

Na acta, por unanimidade, destacaban a "procura espazos aínda pouco transitados na nosa literatura, singularmente no territorio do pensamento". Aliás, consideran que se trata trátase dunha "voz que bota man da hibridación de discursos e que se revela tanto na asunción das poéticas últimas como na presenza de múltiples voces, facendo patente un amplo universo discursivo".

Valeiras partillaba nas redes a súa felicidade, agradecendo precisamente a presenza desas voces que formaron parte do proceso: Lorena Souto, Eduardo Estévez, Xerardo Quintiá, Eladino Cabanelas, Rochi Nóvoa, Vitor Viñal, Estevo Creus... O autor xa ten publicados O tempo da cireixa (2019) e O elo (2020), este último con Emma Pedreira.

Manuel Pérez Mato, mención no Olimpio Arca

Por outra banda, o xurado do Premio de Investigación en Humanidades e Ciencias Sociais Olimpio Arca acordou declarar o certame deserto ao considerar que ningún dos traballos presentados tiña calidade suficiente para o recibir.

Recoñeceron, con todo, o labor de documentación de Manuel Pérez Mato e o seu traballo Noia a través dos Protocolos notariais. Auxe e caída dunha vila mariñeira no século XVI cunha mención honorífica.

Comentarios