sábado 06.06.2020

Á procura dun novo repertorio para corais

Doce poetas colaboran co Coro Cantabile
O Coro Cantabile na estrea de 'Palabras de luz' no Teatro Colón da Coruña o pasado novembro. Foto: Moncho Fuentes (Coro Cantabile).
O Coro Cantabile na estrea de 'Palabras de luz' no Teatro Colón da Coruña o pasado novembro. Foto: Moncho Fuentes (Coro Cantabile).

Algunhas das máis populares cancións en galego pertencen ao repertorio coral. Poemas de Rosalía de Castro, o María Soliña de Celso Emilio Ferreiro con música do porriñés Antonio Paz Valverde ou Unha noite na eira do trigo -letra de Curros, composición de Xoán Montes- atópanse entre elas. Mais o coro infantil e xuvenil Cantabile, da Coruña, quería ir máis alá. Buscaba renovar materiais, investigar temas contemporáneos, crear novas melodías. Hai dous anos que decidiu pasar da teoría á práctica. O resultado vén de se publicar no libro disco Palabras de luz: unha ducia de poetas contemporáneas e seis compositores achegan 12 pezas para a renovación do repertorio coral galego.

A iniciativa ocorréuselle a Xulio Loureiro, daquela membro da directiva de Cantabile. "Hai unha década presentara na Xunta unha proposta para crear un repertorio novo en galego, contemporáneo, dirixido a coros", relata a Nós Diario a actual presidenta da agrupación coruñesa, Lucía Cernadas, "pero non saíu adiante. Hai dous anos retomamos a idea, fomos tras o apoio institucional e conseguimos o da Deputación. Iniciamos o proceso". No que foi determinante a poeta Dores Tembrás, encargada de coordinar as 12 escritoras e autora do fío que conecta as súas creacións: a luz.

A luz como leit motiv

"Eu considerei que debía haber un leit motiv que unise todas as pezas e esa foi a indicación que se lle deu ás escritoras", explica Tembrás a este xornal. Ao chamado literario responderon Eva Veiga, Estíbaliz Espinosa, Carlos Negro, Anxo Angueira, Manuel Rivas, Pilar Pallarés, María Lado, as propias Cernadas e Tembrás, Antía Otero, Baldo Ramos e Celso Fernández Sanmartín. Sobre os seus textos, formalmente libres, traballaron seis músicos: María Mendoza, Jesús Rodil, Octavio Vázquez, Fernando Buide, Juan Durán e Federico Mosquera.

"Aos compositores e compositoras que se encargaron dos poemas só lles pedimos que evitasen o enxebrismo e o popularizante", lembra Cernadas, "non queremos que a música galega e con letra en galego se ligue a esas ideas". A presidenta de Cantabile defende un outro repertorio coral, fóra de "panxoliñas, arranxos de coplas tradicionais". "Que polo menos exista outra opción. A nosa idea é repartir este traballo entre as corais da Galiza. A algunhas xa llelo enviamos. O feedback é bo", sinala.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube

comentarios