‘O principio de Arquímedes’, de Teatro do Atlántico, triunfa nos María Casares

Teatro do Atlántico acadou na noite dos María Casares cinco estatuíñas, entre elas as merecentes ao mellor director e o mellor espectáculo. ‘Xardín suspenso’, do Centro Dramático Galego, leva tres.

Foto familia
photo_camera Foto dos premiados [LA Diapo]

Os XX Premios de Teatro María Casares xa teñen gañadores. O Teatro Rosalía Castro da Coruña vén de acoller esta noite unha cerimonia de entrega na que un total de 14 espectáculos competían nas catorce categorías nas que se dividen os galardóns do teatro, organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG). 

Á gala acudiron máis de 500 convidados, entre profesionais do sector, asociados, xornalistas e convidados en xeral. Todos eles asistiron a unha gala ideada e conducida por Chévere, que neste ano propuxeron un musical festivo para celebrar as fortalezas do noso teatro e para homenaxear o centenario das Irmandades da Fala, o vixésimo cabodano da actriz María Casares e a vixésima edición dos premios. A xornalista Montse Dopico encargouse da lectura do Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro e o Premio de Honra Marisa Soto foille entregado á Revista Galega de Teatro.

‘O principio de Arquímedes’ acadou os premios á mellor adaptación-tradución, actor secundario (Alberto Rolán), actor protagonista (Toni Salgado), director (Xulio Lago) e espectáculo. Mentres, a montaxe do CDG conseguiu un os gardóns á mellor iluminación, escenografía e actriz protagonista (Melania Cruz). 

O resto das compañías premiadas obtiveron un só recoñecemento. ‘Feo!’, de Caramuxo Teatro, foi elixido como o mellor espectáculo infantil; ‘Noiteboa’ de Redrum Teatro tamén obtivo ex aequo o recoñecemento para a mellor actriz protagonista (Mela Casal); e ‘Presidente’ de Teatro do Morcego o de mellor actriz secundaria (Iolanda Muíños). E, finalmente, ‘O furancho’ conseguiu o mellor vestiario; ‘Manawee’ a mellor música orixinal; ’30 e tanto ósos’ o mellor texto orixinal e ‘Ensaio sobre a cegueira’, a mellor maquillaxe. 

Comentarios