O Festival Atlántica revisa o conto tradicional europeo

De princesas espelidas, cincentas asasinas e carapuchas voraces

Os contos mudaron e o modo de contalos, tamén. É o que está a demostrar o Festival Atlántica, que este ano tivo que desenvolver en liña parte da súa programación. Revisións de vellas historias da tradición europea, contos tradicionais galegos, poemas de transmisión oral ou relatos feitos con mímica son algunhas das propostas que está a achegar este encontro internacional de narración que xuntou xa a Charo Pita, Rubén Martínez ou José Luis Gutiérrez, e que acollerá aínda outras actuacións da primeira ou da directora do festival, Soledad Felloza.
Rubén Martínez actuando en Compostela. (Foto: Festival Atlántica)
photo_camera Rubén Martínez actuando en Compostela. (Foto: Festival Atlántica)

Unha muller maltratada pola súa nai que se converte en loba. Un gaiteiro que serra uns pés para aproveitar as botas novas dun home que quedara sepultado na neve. Unha muller coa vaxina dentada. O vento, o lume, o sol e a lúa, que se meten no corpo dun humano para crear a linguaxe, o alento, a vista e o corazón. Foron algúns dos protagonistas dos contos de Charo Pita na programación de adultos do Festival Atlántica

A Igrexa da Universidade acolleu a actuación desta escritora e contadora, que pasou por distintas xeografías da tradición oral: da India aos bosquimáns, da Francia de Cyrano de Bergerac a Siberia. E fíxoo demostrando o oficio de narradora que ten, tras tantos anos de traxectoria: a capacidade de manter a atención do público estirando as historias e retomando fíos deixados atrás, o control da voz e da xestualidade, a facilidade para arrancar risos… Nun ambiente, ademais, nada doado, entre o frío da Igrexa e a distancia entre os membros do público imposta pola pandemia.

Parte da programación do Festival Atlántica desenvolveuse porén en liña. O actor Santi Prego contou -e cantou- algún romance de cego, como o do matrimonio que morre ensartado a mans de dous mozos “endrogados”, ou historias da Coruña, como a dunha muller que leva nunha bolsa os recordos dun vello ou o dun neno tan repugnante que acaba voando cos globos que a tía lle compra por non aturalo. Tamén un “conto tradicional galego” con feitura de conto de princesas e linguaxe de conto -antigo- para adultos. 

Tamén en liña, a causa dun positivo por Covid-19 na súa contorna, tivo que facerse, desde Salamanca, a actuación do contador, mago, actor e humorista Fernando Saldaña, que realizou un percorrido pola súa andaina como contacontos, volvendo contar historias presentes no seu repertorio desde os anos 80. Como unha Cincenta máis espelida que a do conto tradicional e algo violenta ás veces, mais igual de maltratada polas mulleres do seu pai e de condenada a ser rescatada polos homes -malia non agardar por un príncipe “idiota” que non a recoñece tras bailar con ela-. Ou a dun nobre castelán que burla o mesmo demo, ou o dunha vila que se ergue contra os abusos nobiliares a partir dunha discusión entre un plebeo e o criado do señor por unha troita. 

Historias raianas

De Castela e León veu tamén José Luis Gutiérrez ‘Guti’, que contou no centro xove da Almáciga, en Santiago, historias de fiandeiros da zona de León-Zamora que ben poderían ser galegas, pois amosaban ademais ese pouso común que comparten moitos relatos da tradición oral procedentes das zonas rurais tradicionais. Como un que lle contou o alcalde de Lubián, Felipe Lubián, sobre como un rexedor de camisa azul pasa con axuda do cura unha radio de contrabando desde Portugal nos peores anos da posguerra. Ou outro conto sobre un galego que exporta a San Ciprián o invento do muíño, pois, tal como ironizaba ‘Guti’, o “futuro” viña sempre da Galiza: de Franco a Rajoy ou Fraga. 

A programación infantil de Atlántica contou tamén coa participación de Fernando Saldaña, Charo Pita, Pablo Díaz, Ramiro Neira ou Sandra Araguás. Tamén de Noelia Carioca, que transmitiu, entre outros, o seu conto do “polo pelao” que atopa unha saquiña de moedas que decide levarlle ao rei, salvando o pelello pola súa intelixencia e a súa capacidade para tragar desde ríos até árbores ou animais.

Sandra Araguás contou, pola súa banda, unha historia dun medio polo con grande habilidade para o escapismo ou outra de princesas na que o príncipe que sae da ra acabada de bicar non quere casar coa princesiña, senón matricularse con ela na Universidade.   

Interesante? Atoparás a continuación desta reportaxe no Nós Diario de hoxe, dispoñíbel nos quiosques e librarías ou na nosa tenda online. Evita chegar tarde aos temas que che interesan tramitando con urxencia a túa subscrición!

Comentarios