VÍCTOR F. FREIXANES, NOVO PRESIDENTE DA RAG

"O primeiro que terá que facer a Academia é entrevistarse co presidente da Xunta"

A poucos meses de abandonar a dirección da editorial Galaxia, Víctor Freixanes vén de coller os mandos dunha Academia Galega que arrastra problemas internos desde hai máis de catro anos. Pero tamén terá que afrontar importantes retos, entre eles, capitanear unha estratexia para unha recuperación da lingua que cada vez parece máis difícil. E para semellante tarefa a RAG só conta con poder simbólico. 

freixanes
photo_camera Víctor F. Freixanes, diante da sede da RAG na rúa Tabernas [Foto: RAG]

- Se foras un político preguntaríache polas medidas que vas tomar nos primeiros 100 días. Ou, dito doutro xeito, cales son as cuestións máis urxentes que vas abordar?
- Eu definín a miña candidatura como unha candidatura de continuidade. Non se trata de descubrir o Mediterráneo porque todos os compañeiros e compañeiras que estiveron traballando durante estes tempos estiveron poñendo as pedras do edificio e o traballo está aí. Hai unhas liñas de traballo moi importantes: o estudo da lingua, os vocabularios especializados, o dicionario, que é un servizo moi importante para os usuarios da lingua. Eu creo que hai que profundizar aí e dotalo de maiores recursos. Está todo o mundo dos recursos didácticos: o Portal das Palabras, a Primavera das Letras, e creo que é por aí por onde hai que avanzar: utilizar as novas tecnoloxías para chegar á xente nova.  Hoxe escoitei un dato que dicía que case o 50% da lectura dos alumnos das cidades entre as 10 e 13 anos xa se están a facer en pantallas. E a Academia ten que estar aí nesa batalla. E logo o que é o desenvolvemento todo de publicacións, etc. Ao lado diso está a proxección social da lingua, que a min é o que máis me interesa. Aínda que eu son doutorado en Filoloxía, a miña actividade sempre se centrou na comunicación e na cultura, e eu creo que aí é onde hai que profundizar, pensando nas novas xeracións. 

A lingua galega, a portuguesa e o brasileiro son irmáns, pero non son a mesma lingua.

Estamos falando de continuidade. E o máis inmediato son as letras de Carlos Casares. Unha das razóns de adiantar estas eleccións foi porque viña a Semana Santa e había que ir á primeira semana de maio, entón por iso decidiron adiantalas para preparar toda a movida das Letras. E cada ano é máis complexa, hai cada vez unha participación máis variada e activa e hai que darlle resposta a isto. Non é só o acto cerimonial do 17 e arredores. É todo o dos colexios, asociacións culturais, actividades de todo tipo... a Academia  debe estar aí. Polo tanto de aquí ao verán hai batalla e logo iremos enriquecendo a casa a partir do traballo xa feito. 

- A RAG, como todas as academias e boa parte das institucións, vai moi lenta en moitos ámbitos. Hai comisións que levan anos sen publicar nada, pero sobre todo chama a atención que non se fixera aínda unha gramática para o galego.  
- Pois iso é o compromiso que eu adquirín. Espero que non me fallen os que se comprometeron comigo, e agardo que neste mandato teñamos esa gramática. 

A RAG tamén é un espello do país. A historia da RAG, é a crónica da propia realidade cultural, lingüística e política de Galiza. Non somos distintos. 

- Con respecto ao traballo da Academia cara o exterior, Manuel Bragado parabenizábate no seu blog e dicía que un dos teus retos vai ser construír unha alternativa ao Decreto do Plurilingüismo. Como vai ser a relación da Academia de Freixanes coa Xunta?
- A Academia de Freixanes é a Academia anterior, que recurriu ese decreto, que con moito esforzo chegou aos tribunais europeos. E esa vía parece que está esgotada. Eu, polo meu talante, creo que hai que sentarse a falar con todo o mundo. A lingua é de toda a sociedade, mesmo dos que non a falan, pero que a sinten. Hai que sentarse e abrir espazos de colaboración. Poida que non poidamos ir a 200 por hora, pero temos que ir na dirección correcta a 70 ou a 120. Hai que conciliar nesta causa a todos os sectores da sociedade civil, a todos os estamentos posibles, a todas as forzas políticas. A lingua ten que ser algo que nos una e nos estimula. Ten que ser un activo, mesmo un activo económico nun momento determinado. Porque o galego é unha marca de calidade para significar Galiza como produto de calidade. 

Polo meu talante creo que hai que sentarse a falar con todo o mundo. Hai que conciliar nesta causa a todos os sectores da sociedade civil.

- É que parece que se non se toman medidas inmediatas non vai haber solución para o galego. Cal é o papel que pode cumprir a Academia no proceso de normalización?
- A RAG non é Política Lingüística, nin tampouco o Ministerio, nin dispón dos poderes executivos dun goberno. A Academia é unha institución científica que ten a obriga do estudo do idioma, de ter ese idioma fresco, activo e en condicións de vivir na modernidade. E ten a obriga institucional de dignificalo e defendelo alí onde se sinta ameazado. A Academia ten detrás a credibilidade, a 'auctoritas' e a memoria, que é un poder moi importante, e desde ese poder, desde esa 'auctoritas' desde onde ten que actuar como presión e como encontro entre as distintas maneiras de entender o país. Hai que facer un traballo político de reencontro entre xentes diversas. Porque realmente se a xente cre o que di, formalmente, eu creo que hai moitas posibilidades de traballar xuntos. O primeiro que terá que facer a Academia é entrevistarse co presidente da Xunta de Galicia e falar de todas estas cousas. Ou volvelas retomar, en definitiva. 

- Con respecto ao achegamento ao portugués e á Lei Paz-Andrade, que se presentou precisamente na RAG, cal vai ser a vosa posición aí? O reintegracionismo está avanzando moito. 
- Non o sei, eu creo que esas cousas tamén son espazos... Díxeno na miña intervención, unha das frases é "temos que falar disto", é dicir, escoitar á xente. Xa sei que pode parecer moi retórico isto, pero a xente non escoita, simplemente larga o seu discurso e se entra, entra, e se non entra, non entra. Creo que hai que poñerse na pel do outro e logo ver como podemos entre todos construír. Porque isto non é un problema de vencedores e vencidos. O problema é como podemos avanzar na dignificación, no uso e no aproveitamento dun activo que non podemos deixalo ir polo mar abaixo como a troita. Dito isto, se o miras desde outra perspectiva, a lingua deu pasos cara adiante obxectivos. É certo que poderíamos facer moitísimo máis mesmo cos vimbios e co marco legal que temos. Hai que ilo retomando todo, pero hai que escoitar todas as partes. Pero a min paréceme que a confrontación e o trágala, "ou isto ou non cedo un milímetro", creo que é un erro. 

Se agora dicimos "a partir de mañá todos escribimos en portugués", iso non resolve o problema da lingua. O problema da lingua está nos falantes e no uso do idioma. 

- Isto dilo en referenza ao achegamento ao portugués?
- Dígoo por todo. Eu defendín sempre que a lingua galega e a lingua portuguesa e o brasileiro son irmáns, pero non son a mesma lingua. Un señor que en Pontevedra non fala o mesmo que un señor de Braga ou do Alentexo. Iso é certo. Agora, que pode e debe haber espazos de encontro... eu creo que hai que fomentar as relacións culturais, académicas, económicas e que os países se encontren. Porque esa idea do eixo atlántico, que ao final ficou morto nunha especie de carpeta, si produce fluxo de comunicación e de coñecemento mutuo, de ir e vir de persoas e de mercadorías e de ideas. Así é como se van construíndo os espazos de encontro, non no papel nin nun tubo de ensaio. Porque se agora nun tubo de ensaio, dicimos "a partir de mañá todos escribimos en portugués", iso non resolve o problema da lingua. O problema da lingua está nos falantes e no uso do idioma. 

- A RAG recibe moitas críticas, pero tamén é a institución máis antiga do galeguismo. De que máis se pode enorgullecer a Academia?
- Da propia tradición. A RAG, como outras institucións, tamén é un espello do país. Nos momentos históricos no que o país se sentiu con forzas para poñer enriba da mesa a súa propia identidade, a súa propia enerxía ou o seu propio idioma, neste caso, creouse a Academia. E logo, houbo momentos de devalo, nos que houbo que resistir e meterse no tobo ou na trincheira, e ver pasar a tormenta. Por tanto, se analizas a historia da RAG, é a crónica da propia realidade cultural, lingüística e política de Galiza. Non somos distintos. Todo o mundo ten que pensar igual? Ten que votar igual? Ten que haber unanimidades? Iso non existe nunha sociedade democrática, que ten que ser plural, aberta e ten que haber respecto entre cada un dos grupos de intereses e de persoas, para cada un defenda as súas ideas e que ás veces nos dean a razón e outras non. Eu creo que a Academia ten unha tradición importante de liberalismo, de tolerancia e de firmeza e coherencia co idioma e mesmo ás veces moi por riba da comprensión que moitos sectores teñen cara ela. 

Hai prezos que eu, como presidente se confían en min, non podo pagar. Un deles é que sexa unha especie de reparto de cadeiras.

- A Academia está hoxe menos dividida que hai catro anos, pero aínda así sígueo estando, e ti mesmo dixeches no teu discurso que "hai que superar esta etapa delicada". Cales son os vosos plans neste sentido?
- Eu fixen un esforzo moi grande, ou polo menos todo o que eu puiden facer, para tentar unha única lista. E unha única lista saíu, porque a outra non se presentou, o cal xa é algo. Pero a min gustaríame ter integrado nesa lista as persoas que quedaron fóra. O que pasa é que tamén hai prezos que eu, como presidente se confían en min, non podo pagar. Un deles é que sexa unha especie de reparto de cadeiras: unha leira para ti, outra metade da leira para ti. Que fose un bipartito. Eu non estou niso, iso sería a tumba da Academia e da súa xestión: a gramática para uns, o dicionario para outros... Iso non. Segundo: o tema das mulleres, que foi un tema que non entenderon. Non é que estas mulleres sexan túas ou sexan miñas, a muller ten que estar representada na Academia como non está. Entra agora Chus [Pato] no plenario, pero é que a correlación de forzas está moi por debaixo da realidade social, moi por debaixo das capacidades obxectivas e da creatividade das propias mulleres que temos alí na Academia. Porque non estou levando comigo a mulleres por ser mulleres, estou levando comigo mulleres porque son o osíxeno novo que foi entrando na Academia e ademais son os elementos creativos que máis poden achegar. Asombrarache saber a cantidade de ideas que Fina Casalderrey, por exemplo, está a desenvolver no ámbito escolar, na mobilización das familias, na política de portas abertas da institución, etc. Esas ideas son as que teñan que ir saíndo. E a propia Marilar co mundo da ciencia e da tecnoloxía e das relacións exteriores, que son moi importantes, porque a Academia ten que fortalecer relacións con outras institucións do mundo con discursos semellantes ao noso. Nós temos que crear alianzas e visibilidades, porque se non non existimos. O que non está na comunicación non existe. Pero non fun capaz de lograr ese pleno encontro. A discrepancia non é mala, sempre e cando se respecten as ideas e as posicións de cadaquén. Porque eu non teño por que coincidir necesariamente contigo, pero os dous podemos estar no mesmo barco. Pero alguén ten que ser o capitán do barco, claro. 

Comentarios