Cultura

O primeiro FLIV pon o foco no teatro, na tradución e en moito máis

Máis de 50 autoras participan entre 26 e 28 de xuño
O FLIV achega autoras e público
a través dun modelo virtual.
photo_camera O FLIV achega autoras e público a través dun modelo virtual.
Entre o 26 e o 28 de xuño, máis de 50 autoras e autores das nosas letras reuniranse na que xa apunta maneiras para se converter nunha das citas de referencia para as amantes da literatura. A novidade: que non será presencial! Como xa recollía Nós Diario a comezos deste mes, o Festival Virtual do Libro da Galiza (FLIV) chega como alternativa en tempos de pandemia, nado coa aceleración virtual do confinamento, mais con vontade de ficar e aproveitar as vantaxes do dixital.

O programa xa é publico e toca debullar os seus detalles. Como en toda festa que se prece, non pode faltar o pregón. Neste caso correrá a cargo da organización: a escritora e xestora cultural Anna R. Figueiredo e o fundador da revista dixital Fervenzas Literarias, Nacho Alonso, que falarán desde o auditorio Xulio Amigo, lugar que se abrirá virtualmente á audiencia desde distintos espazos que acollerán as actividades habituais dunha feira do libro: conferencias, mesas redondas, presentacións, recitais...

De cafés a sesións "golfas"

Desde a sexta feira 26 de xuño, serán diversas as autoras que exporán as súas últimas obras: Irmandiñas (Laiovento), de Aurora Marco; A relixión do mar (Calderón), de Xosé Igrexas; O libro da filla (Galaxia), de Inma López Silva; Cadencias (Xerais), de Manuel Portas; ou Ferreñas e Rock and Roll (Baía), de Laura Romero e Iria Pedreira. O domingo tamén se proxectarán os documentais O Des-(en)freo, arredor da poeta Emma Pedreira, e Ilustrando, sobre o traballo da pintora Luz Beloso.

O domingo tamén se proxectarán os documentais O Des-(en)freo, arredor da poeta Emma Pedreira, e Ilustrando, sobre o traballo da pintora Luz Beloso.

Desde unha óptica máis informal, terán lugar unha serie de encontros con autoras na sección "Un café con", onde partillarán espazo co público Natalia Carou, Vicente Araguas, Ledicia Costas e Francisco Castro. Nas noites, será a quenda das sesións "golfas", a modo de club de lectura co foco en Carrusel (Galaxia), de Berta Dávila, a sexta feira; Un lume azul (Xerais), de Pedro Feixoo, o sábado; e Be Water (Cuarto de Inverno), de Antía Yáñez, o domingo. Este apartado ten prazas limitadas, previa inscrición a través da web do FLIV.

Un sábado teatral

O sábado a programación abrirá con Teatro Interruptus, onde se van aglutinar lecturas dramatizadas de Raquel Castro, Paula Carballeira, Carlos Labraña, Ernesto Is ou Santiago Cortegoso, entre outras. Inaugúrase así un día especialmente reservado para as disciplinas escénicas, no que tamén terá lugar a mesa redonda "Actriz madura con experiencia busca", na que Iria Sobrado conducirá o diálogo coas intérpretes Mónica Camaño, Avelina Pérez e Marián Bañobre. En "Ficción escénica" Camilo Franco moderará un debate entre Marta Pazos (Voadora), Xesús Ron (Chévere) e Tito Asorei (A quinta do cuadrante).

Tamén a cativada

O FLIV ofrece contidos para todos os públicos. Alén das adultas, as máis pequenas poderán gozar de presentacións como a do álbum ilustrado de Marcos Viso O meu baleiro (Hércules), unha historia sobre a dor e a soidade que cobra especial relevancia nos tempos de illamento que recentamente atravesamos. Igualmente, pasarán polo festival Rosa Aneiros con Tres bichicomas, dúas illas e unha serea (Xerais); María Xesús Branco co seu O caderno de Rosalía (Galaxia); María Reimóndez con O meu avó e o queixo (Alvarellos), ilustrado por Vanesa Álvarez, ou a recente tradución de Winnie the Pooh ao galego da man de Rinoceronte. Destacan ademais as presentacións de Amani, álbum infantil que asina Miguelanxo Prado, Premio Nacional de Cómic, sobre a importancia de aceptarse a unha propia, e Ricardo Carvalho Calero. Coraçom de terra (Através / Demo), banda deseñada de Xico Paradelo, Irene Veiga e Iván Suárez que protagoniza o autor ferrolán. A estas súmanse os cadriños de Cristian F. Caruncho en Grandarroiba (Demo), cunha historia que pon o foco no rural.

Teoría para todas

Os aspectos máis teóricos tamén atoparán o seu oco. Javier Pintor conduce a sexta feira, na apertura da programación, unha mesa titulada "Habitamos historias?", na que se pregunta polo papel que xoga a lectura na sociedade, na compaña da docente Naír García e das autoras Montse Muriano e Ángeles Abelleira, que asinan xuntas Habitando Historias (Galaxia). A escritora Helena Villar Janeiro tamén partillará as súas reflexións na conferencia "Cravo fondo. Verba nova para unha terra ceibe?", e Marilar Aleixandre ofrecerá a súa ollada sobre Concepción Arenal no faladoiro "Concha Arenal, unha rubia destemida". Ás 19 horas, "Galician Noir" analizará o xénero policial coa libreira e editora Mercedes Corbillón e varias autoras.

O sábado, en "De como en 1920 naceu o novo mundo", Malores Villanueva achegarase á Xeración Nós, mentres Carmen Branco fará o propio con Ricardo Carvalho Calero na súa palestra. O domingo Nacho Alonso coordina "Falando en linguas", arredor da tradución, con Moisés Barcia (Rinoceronte), Alejandro Tobar (Hugin e Munin) e Celia Recarei (Irmás Cartoné). Armando Requeixo chamará a atención sobre a escrita na diáspora en "Literatura excéntrica".

Versos en boca

E non podía faltar a poesía como palabra común, enarborada no recital. Abrirá a veda a sexta feira, en sesión vermú, Arancha Nogueira, rodeada de amizades (O Aquele, Olaxonmario, Sany e Paula Doors). Xa na tarde, a lírica dominará de novo o espazo virtual en "Palabrafalada", con diferentes autoras vencelladas á spoken word: Diego Horchovski, Lúa Mosqueteira, Nerea Mallo... Ás 18 horas collerá o relevo o "Recital para todas as orellas e todas as cabezas", con Tamara Andrés, Fran Alonso, Claudia Castro, Miguel Ángel Alonso Diz, Elvira Riveiro e Baldo Ramos.

O sábado sumarase, cara á noite, a sensualidade do recital "Illas Sisargas", con Mercedes Leobalde, Medos Romero e Xabier Queipo. O domingo "Poesía (en) xénero" acollerá os versos de Marta Dacosta, Antía Marante, Daniel Asorey ou Iria Collazo. A intervención de Binomio poético (Gonzalo Hermo e Carlos da Aira) clausurará a sección lírica.

Videopoesía e obradoiros

Aproveitando as potencialidades do dixital, a mostra Espellos ofrecerá unha escolma de videopoesía comisariada por Celia Parra, autora recoñecida neste xénero en certames internacionais. Doutra banda, o FLIV oferta tamén dous obradoiros, un de "maquetación editorial con Scribus" coa equipa de Urco Editora e Sacauntos (de 22 de xuño a 5 de xullo) e outro impartido por Antonio Manuel Fraga Allegue sobre os primeiros pasos na narrativa "antes de empezar a correr" (de 22 a 28 de xuño). 

Comentarios