Primeiro encontro de mulleres regueifeiras

Este sábado 28 terá lugar en Vila de Cruces o “I Encontro de Mulleres Repentistas da Galiza”, organizado polo alumnado da materia “Regueifa e improvisación oran el verso” do IES Marco do Camballón, e impulsado polo Proxecto Regueifesta.

foto regueifeiras
photo_camera Imaxe de regueifeiras da Regueifesta. No centro, Alba María, cantora ademais de repentista. [Foto: Regueifesta]

As actividades do Encontro de Mulleres Repentistas teñen como obxectivo destacar a vitalidade actual da regueifa como actividade artística e comunicativa, e visibilizar a chegada dunha nova xeración de mulleres improvisadoras. Como resultado dun traballo de autoxestión e organización do alumnado do IES Marco do Camballón, o Encontro de Mulleres Repetistas ofrece unha xornada de sábado con diversas actividades gratuítas no auditorio Xosé Casal: ás 11.30 da mañá terá lugar unha asemblea de mulleres repentistas onde se analizará o momento actual da regueifa de muller. Pola tarde, ás 16.30 Alba María impartirá un Obradoiro de Regueifa Feminista. E ás 18.00 terá lugar un espectáculo de improvisación en verso -aberto ao público e de balde- que reunirá no escenário a máis de dez mulleres de diferentes xeracións do repente galego. No acto tamén se celebrará unha homenaxe a Angelita de Baño, brindeira do Courel, e á cantareira e pandereteira Xosefa de Bastavales.

Neste Encontro procurarase visualizar a importancia das mulleres no desenvolvemento da regueifa tamén desde un achegamento histórico, lembrando as grandes do século XX, como Leonarda de Tallo.

Neste Encontro procurarase visualizar a importancia das mulleres no desenvolvemento da regueifa tamén desde un achegamento histórico, lembrando as grandes do século XX, como Leonarda de Tallo. A finais do século XX Marisol Manfurada uniu regueifa e rap desde o movemento do Rock Bravú e nesa altura Sofía Tarela e Paola Beiro, as Garotas, tamén destacaron pola súa arte como regueifeiras. A luguesa Pepa Yáñez, que regueifou e investigou o mundo do repente galego, foi outra das protagonistas deste movemento que ten como regueifeiras máis novas a Noa do Capón e a Nuria das Cruces, de 13 anos, alumnas de “Regueifa e improvisación oral en verso” no IES Marco do Camballón

No acto proxectarase un vídeo en homenaxe a Angelita de Baño, unha artista que cantou brindos -a improvisación cantada no Courel- desde os catorce anos, e á que foi entrevistar o Proxecto Regueifesta á montaña luguesa. Tamén se lle fará unha homenaxe a unha das artistas máis queridas no mundo da música tradicional dos últimos anos: a señora Xosefa de Bastavales. Ás 21.00 terá lugar unha Foliada Regueifeira no Bar Txapela, onde participarán, xunto ás mulleres repentistas, e mais quen queira cantar e bailar, as pandereteiras de Cercio.

A Regueifesta é un proxecto educativo para impulsar o repentismo no mundo do ensino, e que forma parte da Asociación ORAL, que promove o repente galego, que agora se encontra nun momento de crecemento e estase a conformar como un movemento sociocultural que ten na aparición dunha nova xeración de mulleres regueifeiras un dos seus motores máis destacados, abrindo novos camiños nun ámbito até hai moi pouco protagonizado case exclusivamente por homes.