O primeiro Congreso sobre o Reino de Galiza supera o milleiro de seguidores

Os diferentes relatorios foron seguidos de xeito presencial por máis de 150 persoas e ás retransmisións en liña sumáronse congresistas, 1000 xa só durante a primeira xornada, de todo o Estado e doutros países como Arxentina, Brasil ou Portugal

As sesións do Congreso comezaron con todas as inscricións completas.
photo_camera As sesións do Congreso comezaron con todas as inscricións completas.

Catro días dedicados a unha entidade política que, malia a importancia principal que tivo durante toda a Idade Media, foi relativizada e mesmo cuestionada até non hai moito tempo. No I Congreso Internacional sobre o Reino Medieval da Galiza interviron relatores e relatoras de diferentes perfís que abordaron cuestións relacionadas coa historia, a arte, a literatura, ou a organización administrativa do reino, cun seguemento presencial e telemático que superou as mil persoas. 

Anselmo López Carreira, curador científico do Congreso, móstrase moi satisfeito polo decorrer da cita que tivo lugar no Museo do Pobo Galego do 19 ao 22 deste mes."Trátase dun chanzo máis na recuperación da memoria daquel período da nosa Historia. Temos que ter claro que o camiño vai ser longo e que os tempos non serán todo o veloces que nos gustaría, pero unha iniciativa coma esta supón un enorme paso adiante", asegura en declaracións a Nós Diario

López Carreira asegura estar moi positivamente sorprendido pola grande altura científica de todos os relatorios presentados e, tamén, "porque puidemos constatar que en ambientes académicos -da universidade e de fóra dela- existe unha fornada de investigadores procedentes de diferentes ámbitos, non só da historiografía, que están traballando sobre a historia medieval galega cun nivel científico de primeira orde e cunha gran solidez académica". 

"Hai non tanto tempo", lembra López Carreira, "ao dar unha charla sobre o Reino da Galiza, era frecuente que a primeira pregunta fose sobre se a súa existencia fora realmente histórica. Agora pode parecernos incríbel, mais temos que ter en conta que o peso da historiografía española, coa súa secuencia Asturias-León-Castela foi moi grande, quedou moi marcada na xente". 

Por iso, talvez, moitos aínda se sorprenderon ao ver que Simon R. Doubleday, da Universidade de Hofstra, Nova York , pronunciaba toda a súa intervención en perfecto galego. Ou ao descubrir, grazas ao relatorio de Héitor Picallo, que a iconografía heráldica do reino galego tiña un enorme protagonismo por toda Europa. "En xeral, o público segue tendo a idea de que o reino da Galiza é unha entidade escura e descoñecida e, por tanto, admírase ao coñecer o verdadeiro protagonismo que detentou na historia europea". 

“Congresos como este”, continúa López Carreira, “permiten, demais,  dispoñer dun marco conceptual que lle permita á cidadanía interpretar o patrimonio -e aí está o caso paradigmático do Panteon dos Reis da Catedral de Santiago-, actualizando a Historia e permitindo que se manteña vixente como un elemento máis da identidade colectiva". 

A existencia da Galiza como reino demostrou ter unha certa actualidade e o Congreso conseguiu estimular o interese do público por afondar no seu coñecemento. "Resulta evidente que coñecernos mellor contribúe a dar unha imaxe máis precisa do que somos no exterior, e este prestixio adquirido repercute na propia imaxe que nos facemos de nós mesmos, aumentando a nosa autoestima, algo do que na Galiza estamos moi necesitados", conclúe o historiador. 

 

A Deputación da Coruña divulga a historia do Reino

López Carreira ten palabras de agradecemento tamén para a Deputación da Coruña, "que se comprometeu dunha forma realmente encomiábel coa celebración do Congreso e coa promoción do mesmo". Cabe lembar que en paralelo á celebración do Congreso, a Deputación da Coruña impulsou o Fondo de Proxectos Culturais Reino de Galicia, co que está a impulsar distintas iniciativas de investigación e divulgación para dar a coñecer esta realidade histórica. Entre elas, figura o coleccionábel de Nós Diario "Os reis e as raíñas da Galiza. 1.000 anos dun reino de seu", que se vén publicando co xornal nestas semanas. 

Ademais, a Deputación impulsará unha exposición que divulgará contidos relacionados coa historia do Reino medieval e que se esporá en diferentes localidades.

Comentarios