Por primeira vez todas as obras de gran formato de Castelao, xuntas

A Deputación de Pontevedra vén de informar que o Museo da cidade reunirá por primeira vez “na historia” todas as obras de gran formato de Castelao. 

castelao
photo_camera Castelao

A Deputación de Pontevedra pensa dedicar boa parte da súa programación de 2016 a Castelao, a quen se lle dedica o Día das Artes Galegas instaurado pola Academia de Belas Artes de Galiza. Ademais no vindeiro ano cúmprense 100 anos da chegada deste autor á cidade de Pontevedra. 

"No ano 2016 o Museo de Pontevedra vai ser un centro de referencia tanto para as efemérides relacionadas co Ano Castelao como por mor do centenario do nacemento de Valle Inclán", anunciou o deputado de Cultura, Xosé Leal, na presentación das grandes liñas de actuación do Museo provincial para o vindeiro exercicio. 

Leal explicou que Castelao protagonizará dúas grandes exposicións. "Haberá unha primeira exposición sobre o Castelao artista que se inaugurará o 1 de abril, con motivo do Día das Artes Galegas, e que reunirá por primeira vez na historia a totalidade da obra de gran formato de Castelao" sinalou Leal. O deputado de Cultura estivo acompañado na presentación polo director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle, que explicou que esta primeira exposición "recolle a obra do primeiro Castelao desde o punto de vista biográfico e que atinxe ás dúas primeiras décadas do século XX". 

A segunda exposición referida a Castelao está previsto que se presente o 28 de xuño coincidindo coa data da celebración do plebiscito do Estatuto de 1936. Levará por título 'Castelao - Meu Pontevedra' e segundo indicou o deputado de Cultura "estará composta na súa maior parte por fondos propios do Museo e do Arquivo e suporá unha reflexión sobre a Pontevedra na que lle tocou vivir a Castelao no primeiro terzo do pasado século". 

O centenario do nacemento de Valle Inclán acadará protagonismo coa exposición 'El rostro de las letras' que se presentará de cara ao outono da man de Acción Cultural Española. Trátase dunha mostra fotográfica que fai un itinerario polas grandes figuras literarias e fotográficas desde o Romanticismo ata a xeración de 1914. No eido das exposicións, o deputado tamén mencionou a mostra retrospectiva que se dedicará a Miguel Anxo Prado.

Novos Valores

Xosé Leal anunciou que o vindeiro ano o Certame Novos Valores recuperará o seu carácter de bolsa de estudos. O deputado de Cultura explicou que en vez de ser tan só un premio como nos últimos anos, no ano 2016 pasará a ter unha dotación económica para ser empregada pola persoa gañadora nunha continuación de estudos ou nun proxecto artístico e que culminará nunha exposición monográfica no propio Museo de Pontevedra. 

Comentarios