luns 20.01.2020

A primeira arquitecta galega, por Xoán Costa

A primeira arquitecta galega, por Xoán Costa

A edición de El Progreso de oito de marzo de 1933 informa de que “ha ingresado en la Escuela de Arquitectura de Madrid la bella señorita orensana Rita Fernández Queimadelos. Es la primera mujer gallega que se dedica a tales estudios”. Vida Gallega, que lle apón os cualificativos de “bellísima y distinguida” dá conta de que é filla dun prestixioso comerciante de Ourense, o propietario da mercearía La Modernista.

A incorporación das mulleres ao ámbito profesional arquitectónico foi un proceso lento. Rita Fernández foi a primeira arquitecta de orixe galega mais non estivo colexiada neste ámbito territorial xa que exerceu profesionalmente en Madrid e Murcia.

A primeira arquitecta colexiada en Galiza é Milagros Rey Hombre, filla do tamén arquitecto Rey Pedreira, que non vía con moi bos ollos a incorporación da filla ao traballo da arquitectura, entre outras cousas polas condicións dos labores de inspección de obras e a vestimenta a usar. A propia Milagros conta como nunha das primeiras inspeccións acudiu á obra con zapatos de tacón e un quedou enganchado nunha táboa tendo que a resgatar un par de operarios.

Tamén coa oposición paterna contou Rita Fernández (o pai prefería que estudase piano) que contou co apoio total das avoas, especialmente a materna que se desprazou coa neta a Compostela para que esta puidese estudar as materias previas ao ingreso na Escola de Arquitectura en Madrid.

Foi a primeira arquitecta do estado en exercer profesionalmente de forma individual. Morreu en 2008, o vinte e seis de setembro.

comentarios