Do 3 de maio ao 1 de xuño

Primavera de música contemporánea na Coruña

O festival RESIS é o radar coruñés das músicas contemporáneas. A súa segunda edición, que comeza este 3 de maio e esténdese ate o 1 de xuño, reúne concertos, intervencións artísticas, e proxeccións en localizacións singulares da cidade.
 

vertixe sonora
photo_camera O 'ensemble' Vertixe Sonora. Foto: RESIS.

Organizado pola asociación cultural AÏS, con dirección artística de Hugo Gómez-Chao e musical de Ramón Otero, a súa motivación confesa é “crear na Coruña unha plataforma estábel de estrea e difusión da música contemporánea, en que converxa coa creación de vangarda”. Este mes de maio, o RESIS conta con catro estreas absolutas e oito pezas musicais que se interpretarán en Galiza por primeira vez.

Seis miradas da música contemporánea (11 de maio, 20.00 horas, Domus), a cargo de Gran Torso, achégase a Pierre Boulez ou Mantovani. Traxedia da escolta (18 de maio, 20.30 horas, Fundación Luís Seoane) é o recital a piano de David Durán, baseado en pezas de Toshio Hosokawa, Luigi Nono, Enrique X. Macías. Vertixe Sonora ofrecerá Fluxo/Flujo/Flow (25 de maio, 20.00 horas, Paraninfo da Universidade), intervencións de solistas e electrónica vinculadas a obras plásticas.

Música para unha época (1 de xuño, 19.30 horas, Museo de Belas Artes), de Hachè Costa e Jacobo Gaspar, interpretada a saxo e percusión, será o último dos concertos do festival. Que incluirá intervencións artísticas de César Viana e Luz Arcas -Ubume (4 de maio, 20.00 horas, igrexa das Capuchinas- e de Romina Casile e Marco Maril -A pantasma dun xesto, 20.00 horas, A Normal. E a vídeo instalación coa que abrirá o RESIS e que permanecerá na Normal todo o mes: Cosmos, de Begoña M. Santiago.

O sábado 18 de maio, na Fundación Seoane, proxectarase ademais o filme documental Correspondencias sonoras, de Manuel del Río, centrado no día a día ensemble Vertixe Sonora.

Comentarios