A Primavera en Danza de Carballo comeza o 14 de abril

Catro das cinco propostas que pasarán polo escenario do Pazo da Cultura entre o 14 e o 29 de abril son producións galegas
 
'Nó', de Elahood.
photo_camera 'Nó', de Elahood, un dos espectáculos que se poderán ver en Carballo.

Onte presentouse en Carballo a vixésimo primeira edición de Primavera en Danza, que terá lugar do 14 ao 29 de abril, unha cita anual ineludíbel que aposta por achegarse á danza contemporánea, unha manifestación artística cuxa escasa presenza nos escenarios galegos non se corresponde coa súa alta capacidade de creación e innovación e repercusión das artes escénicas actuais. Outorgarlle un merecido espazo propio e apoiar o seu desenvolvemento é o obxectivo principal. 

Os espectáculos que se poderán ver en Carballo son Tabú de Colectivo Glovo, o día 14, que mergullará os espectadores, a través do baile, nun relato sobre doce mulleres que foron pioneiras do fútbol na Galiza. 

El hijo de Daniel Abreu, o día 22, fala da representación dun home na natureza: a súa chegada, a maxia do nacemento, as pantasmas da infancia, o desenvolvemento ligado ao primario e á cultura e, a partir de aí, ao que conforma o seu camiño. 

 

Nó de Elahood, o día 28, convida o público nunha viaxe onírica, estirando e deformando o significado do que é importante. Baixo un filtro de ironía e fantasía, a compañía deixa ver pegadas do debate actual que atende a decontrución de xénero e a conciencia de clase. 

Bionic de Entremans, o día 29, reflexiona sobre como a tecnoloxía nos invita a mellorar as nosas vidas sen crebar a capacidade humana de sentir.

Blues de medianoite

Ademais, o público poderá gozar da montaxe Blues de medianoite, que Laboratorio Escénico, un espazo de formación, creación, investigación e desenvolvemento das Artes Escénicas da Coruña, representará o día 15: a chamada da terra que pon en valor ás grandes mulleres do blues e a riqueza rítmica que vén directamente de África, sempre desde un filtro persoal. 

Comentarios