Ragazzo, a historia dramatizada do activista Carlo Giuliani, estréase en Vigo

A obra reivindicativa está protagonizada por Anxo Outumuro
Anxo Outumuro no papel do activista italiano Carlo Giuliani (Foto: Culturactiva).
photo_camera Anxo Outumuro no papel do activista italiano Carlo Giuliani (Foto: Culturactiva).

A historia de Carlo Giuliani, o mozo activista italiano asasinado pola policía nunha manifestación contra o cumio do G8 en Xénova no ano 2001, é a base  argumental que atopou a compañía galega Barrosanta para a montaxe escénica Ragazzo que se estreará na cidade de Vigo o vindeiro 11 de febreiro (sala Ártika, 20 horas).

Esta peza reivindicativa, protagonizada polo actor Anxo Outumuro, coñecido pola súa participación na miniserie de Neflix El desorden que dejas, conta coa dirección de Xavier Castiñeira (Butacazero) e co texto de Lali Álvarez. 

Oda á xuventude e á liberdade

"Ragazzo é unha oda á xuventude e á liberdade, un grito á vida, á dignificación das historias personais e unha reivindicación da memoria colectiva", indican desde a compañía. O texto de Ragazzo foi galardoado con dous Premios da Crítica (revelación e espectáculo para xóvenes), co Premio da Crítica Serra d'Or e o Premio do Público no Festival Internacional Huesca. 

Barrosanta presenta a Ragazzo, un activista de 23 anos asasinado na concentración contra o G8 do 20 de xullo do 2001 en Xénova. No espectáculo, o público acompañará a Carlo Giuliani durante tres días a concertos, rexistros da policía, manifestacións, e mesmo a unha cita. 

Tres días que fantasían coa vitalidade do protagonista e á vez documentan o tráxico final deste mozo. A bala outórgalle nome propio, pero a anonimia no título e durante a propia peza permite ''non converter en mártir ao que é un rapaz calquera”, explican desde a compañía Barrosanta. 

Unha compañía na procura de temas sociais

O proxecto escénico Barrosanta é de recente creación e recolleu o seu nome do barallete, a xerga utilizada polos afiadores do concello de Nogueira de Ramuín, e refírese a quen fai festa. Tamén ten un significado de gaita e gaiteira, derivando así en ''persoa que fai música'' ou ''persoa que anima a festa''.

A compañía afirma que quere, como indica o seu propio nome, "lograr no público a sensación de querer pegar un chimpo da butaca e bailar, provocar un sorriso incómodo ao tempo que tratan temas sociais". 

Esta mesma obra que agora representan foi escollida pola Xunta da Galiza xunto a outros seis proxectos no apartado de novos proxectos e contará con tres pases na mesma sala viguesa os días 11, 12 e 13 de febreiro.

Comentarios