'Fastío' é o novo videoclip da Rabela con Silvia, de Flow do Toxo

"Preséntome a batallas de galos como activismo, para que existan mulleres nese ámbito"

O nome da Rabela vénlle da familia da súa avoa, os Rabelos de Moraña. Ela é Aurora, rapeira, regueifeira, narradora oral e youtubeira. Podemos atopar as súas rimas ceibas pola rede ao carón de vídeos como os '21 días improvisando en galego' ou o 'Som machistas as batalhas de galo?'. A uns días de publicar o videoclip do seu próximo tema musical, 'Fastío', composto ao carón de Silvia, de Flow do Toxo, adiántanos algúns detalles.
A Rabela
photo_camera A Rabela fía a retranca da regueifa e o 'flow' do rap para crear as súas rimas [Nós Diario].

Como se introduciu no rap? 
Desde sempre, desde pequeniña, escribo cousas, contos, poesías, até que coñecín o rap aos 14 anos. Como tiña amizades metidas na allada, intentei aprender a improvisar, mais daquela non me saía. Entón, pensei que non servía para iso e continuei escribindo máis contos, cancións, poemas, até que en 2016 autoeditei un libro, que foi como un punto de inflexión. 

E cando foi que enganchou o rap coa regueifa?
Despois da publicación do libro botei un tempo sen escribir até que, hai un par de anos, a raíz dun mestrado na Universidade, visitamos o centro de Séchu Sende para coñecer de primeira man o que el estaba a facer en materia de normalización lingüística. Nese momento coñecín a regueifa e flipei porque se xuntaron cousas coas que conectaba profundamente, a regueifa e o rap. Nese momento volvín encontrarme moi profundamente coas cancións que fixera antes. 

E de aí naceu o reto dos 21 días improvisando?
A partir de aí contactei con Alba María para que me aprendera a regueifar. Ela foi a miña referente, comprendín como a través da retranca podía devolver as bromas que me facían aproveitando os prexuízos sociais, é dicir, como podía responder eu ante as agresións. Tamén nesa época fun a un obradoiro de Noites Abertas, en Pontevedra, de free style, e xuntáronse varias cousas que me encantaban, o estilo e o flow do rap coa capacidade de resposta ante o feminismo da regueifa. Noutro encontro de regueifa Séchu Sende dixo "non existen a día de hoxe vídeos en Youtube de ningunha muller improvisando rap en galego". Tomeino como un reto e fixen eses 21 días improvisando, facendo free style. Ao final presenteino ao certame Youtubeir@s e gañei o concurso. Cando te expós nas redes tes un alcance moi forte, e estes días houbo rapazas que subiron improvisacións a raíz do reto "@ceibarimas", que está agora movéndose. 

Alén da vertente máis musical, tamén ten posto o foco no machismo das 'batallas de galo', e da música en xeral.
A raíz das violencias estruturais que hai, eu identifícome como non-home, como non-binario, dentro das batallas de galo vívese un ambiente moi violento no que che exixen demostrar que es o mellor. Cando unha persoa que non é home aparece nun ambiente así está moito máis exposta, exíxese máis. E non se trata tanto de talento porque todas as persoas, con algo de práctica, poden improvisar. Eu preséntome a batallas como activismo, para que existan mulleres nese ámbito. A improvisación é moi boa, pero as batallas de galos crean ambientes virulentos onde os prexuízos saen, esa competitividade é machista ou patriarcal. Machismo, sexismo, homofobia, está aí moitas veces. Eu procuro tratar de disociar o machismo da improvisación, e xa teño visto persoas moi diversas competindo en batallas.

Que nos podes adiantar do próximo proxecto musical?  
Chámase "Fastío" e é un tema que vai saír na próxima quarta feira, 8 de abril. É unha canción que fixen con Silvia, de Flow do Toxo, onde falamos de todas estas violencias, do cansas que estamos de vivir certas situacións, de poñer palabras a cousas invisibilizadas. É un tema de enfado desde a paz, desde a calma. Gravámolo com Lokutor (son) e Nadie (vídeo), de Yimiyourek, un colectivo que está facendo moitísimo polo rap en galego e dando visibilidade a rapeiras, que coñecemos Silvia e eu hai uns meses, un amor de xente. Rap con coidados, que fai moita falta. Xa a parte máis instrumental do tema é de Petrowski, que forma parte do grupo Ezetaerre.

Comentarios