Este sábado na Coruña

O presente e o futuro das artes escénicas galegas, a debate

O sábado 9 de xuño, a Deputación da Coruña ofrece unha xornada de análise no Teatro Colón con máis de vinte especialistas

culturadereito
photo_camera Presentación do programa 'A cultura é un dereito'

Os procesos de creacións nas artes escénicas na Galiza do século XXI estarán baixo a lente de máis de vinte profesionais e creadoras das artes escénicas. Será este sábado 9 de xuño no Teatro Colón da Coruña, nunha xornada coordenada pola profesora e directora de teatro Cristina Domínguez. A área de Cultura da Deputación da Coruña é a entidade organizadora deste encontro, onde haberá espazo para a reflexión e a exhibición.

Carlos Neira, Daniel Salgado, Carlos Sante, Baltasar Patiño, Areta Bolado, Xulio Lago, Patricia Lorenzo, Olga Cameselle, Tatán, Laura Iturralde, Afonso Becerra, Esther Carrodeguas, Tito Asorei, Gena Baamonde, Quico Cadaval ou Ruth Balbís son algúns dos participantes na xornada, que estará estruturada en dous eixos. Tamén serán apresentados os últimos proxectos de Elefante Elegante, Caramuxo, Prácido Domingo e Manicómios.

A vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación, Goretti Sanmartín, destaca a importancia deste encontro “á hora de facer unha diagnose do estado das artes escénicas a través de representantes do sector”. Asemade, sinala a data como unha “oportunidade de grande relevancia polas persoas convidadas e pola pluralidade de propostas que se darán cita, xuntando persoas de distintas xeracións, estéticas e disciplinas”.

Reflexión e exhibición

Mesas redondas e entrevistas son os formatos escollidos para, segundo explica Cristina Domínguez, “xuntar “profesionais da escena e falar de nós como creadores e creadoras buscando a interdisciplinaridade e incorporando distintas xeracións que ás veces non nos vemos as caras”. As metodoloxías de aprendizaxe no teatro, a creación de espazos sonoros e visuais como ferramenta dramatúrxica, as narrativas escénicas, os procesos interpretativos e o tecido da dramaturxia galega actual son algúns dos temas que serán expostos ante o público do Teatro Colón. Após o primeiro bloque, as diferentes creadoras e artistas ofrecerán diversos Aadiantos dos seus últimos proxectos.

Esta xornada forma parte do programa da Deputación “A Cultura é un dereito”, que xa acolleu debates sobre a xestión cultural ou sobre as mulleres e a música.

Comentarios