Preséntase en sociedade RVB 2013

A Asociación Roberto Vidal Bolaño comeza a súa andaina oficial coa presentación no Teatro Principal das primeiras actividades e a apertura á sociedade para que colabore e forme parte dela.
Presentación asociación Roberto Vidal Bolaño
photo_camera Presentación asociación Roberto Vidal Bolaño

A entidade naceu en novembro de 2012 en Compostela co obxectivo de promover a figura e a obra do autor dez anos despois da súa desaparición. O colectivo integrouno inicialmente por Antón Dobao, Francisco Macías, Belén Quintáns, Roi Vidal, Rubén Ruibal, Xosé Manuel Fernández Castro e Camilo Franco. 

Escolleron como denominación "RVB 2013" e queren impulsar un programa de actividades co teatro como protagonista fundamental, nas que se evidencie "o valor literario da obra do dramaturgo e nas que se dean a coñecer os seus aspectos menos divulgados".

Na presentación diante dos medios de comunicación de hoxe falaron Belén Quintáns, Roi Vidal e Francisco Macías, en representación de toda a asociación. “Pensamos que era o momento de abrilo a todo o mundo”, indicou Belén Quintáns, “cunha serie de actividades que comezan hoxe”.

Após conseguir que se recoñecera a súa traxectoria coas Letras Galegas, esta asociación proponse agora asesorar e realizar labores de orientación sobre a obra e a figura do escritor, fornecer de materiais para traballar no ensino e canalizar as necesidades que poidan ter colectivos e particulares arredor de RVB, en especial no sector da educación. “Agradecemos o grande interese que ten o sector da educación en Roberto, máis se temos en conta que non o está a pasar moi ben”, salientou Quintáns.

As representacións teatrais da obra de Vidal Bolaño realizaranse a partir de co-producións do Centro Dramático Galego con compañias galegas

Actividades

Entre as actividades que organizará este ano a asociación, figuran un Festival de Teatro Aficionado no outono “e a realizar se cadra coa SGAE coa que estamos en conversas”, segundo Roi Vidal. Tamén realizarase a exposición itinerante habitual que a Dirección Xeral de Política Lingüística difunde cada ano e a Editorial Positivas publicará as obras completas do autor.

As representacións teatrais da obra de Vidal Bolaño realizaranse a partir de co-producións do Centro Dramático Galego (CDG) con compañias galegas. Para este ano confirmaron a representación de “Criaturas” con Teatro de Aquí, “Touporrotou da lúa e do sol” con Tetaro do Noroeste e “Bailaderas” con Teatro Entroido.
O cine, presente na vida de Vidal Bolaño, tamén figura na programación coa proxección da película “Doentes” de Gustavo Balza, baseada nun texto do homenaxeado coas Letras Galegas deste ano.

O CDG celebrará, aliás, as cuartas e quintas feiras de febreiro e novembro (Salón Teatro, 19 horas) o ciclo Vidal Bolaño Recuperado. Serán citas Audiovisuais coa obra de RVB comentada polos profesores Inma López Silva e Xosé Manuel Fernández Castro. A entrada será gratuíta ata completar a capacidade da sala.

Presentación pública no Principal

A presentación aberta ao público da Asociación Roberto Vidal Bolaño será no Teatro Principal (5 de febreiro, 20 horas) e participarán Antonio Durán “Morris”, Jorge Rei, Roberto pascual, Manuel Guede, Laura Ponte, Luís Rei, Luciano Fernández e unha representante da Federación Galega de Teatro Aficionado.
“Contamos con continuar coas actividades a prol do teatro e obra de Vidal Bolaño en anos vindeiros, non quedarnos nunha celebración só para este ano”, sinalou Francisco Macías. As persoas interesadas en colaborar ou asociarse poden contactar aquí.

Comentarios