Presentan o proxecto do Centro de Arte Contemporánea Manuel Gorge

O espazo exercerá como Centro de Cultura Contemporánea da Ribeira Sacra e estará listo en vinte meses

Iria Castro con representantes da Asociacíon Amigos de Manuel Jorge diante do edificio que se rehabilitará.
photo_camera Iria Castro con representantes da Asociacíon Amigos de Manuel Jorge diante do edificio que se rehabilitará.

Onte presentouse o proxecto de rehabilitación do edificio que albergará o Centro de Arte Contemporánea Manuel Jorge, no centro histórico de Chantada, coa presenza da deputada de Cultura da Deputación de Lugo, Iria Castro.

Iria Castro, que tras a presentación do proxecto se achegou até o edificio, valorou "o esforzo da asociación para sacar adiante un proxecto que dará maior visibilidade á obra de Manuel Jorge e actuará tamén como espazo de inspiración e acollida para artistas contemporáneos".

A Asociación de Amigos de Manuel Jorge explicou os detalles do proxecto, que ten como obxectivo crear un centro de referencia para a creación e a divulgación artística na Ribeira Sacra. A asociación adquiriu o edificio, na Praza do Cantón, co apoio da área de Cultura da Deputación.

Dúas zonas expositivas, talleres e arquivo

O futuro Museo Manuel Jorge ocupará un edificio histórico de dúas plantas e baixo cuberta. Na planta baixa, á que se accede dende a praza, haberá un sala de exposicións, unha recepción e tres aulas para impartir talleres de artes plásticas e artes dixitais. Na primeira planta haberá outro gran espazo expositivo, unha sala de conferencias e proxeccións, a recreación do estudio de Manuel Jorge, e mais unha biblioteca e sala de investigadores. O baixo cuberta estará dedicado a oficinas e depósito de conservación da obra.

 

Manuel Jorge

Manuel Jorge naceu en Chantada (Lugo) en 1929. Foi un arquitecto de gran recoñecemento no Mediterráneo e durante décadas pintou na intimidade do seu estudo sen amosar os seus cadros. Ao final da súa traxectoria sacou á luz unha obra única, diversa e profunda coa que reconectou coa Galiza e coa súa vila natal.

Coa súas construcións Manuel Jorge moldeou a paisaxe e o patrimonio da Marina Alta alacantina, defendendo a integración na natureza, cos volumes e a luz como claves da súa arquitectura. Na pintura transitou por diversos estilos deixando un legado de máis de dúas mil pezas, cedidas á Asociación, que fora creada no 2017. Un ano despois, a Rede Museística Provincial colaborou na organización dunha gran mostra retrospectiva que colocou a Manuel Jorge por vez primeira no foco da cultura lucense e galega.

Comentarios