Presentan o Premio 'Álbums Ilustrados' en Compostela

Concello e editorial Kalandraka activan outro ano máis o galardón que está dotado con 9.000 euros. O prazo de presentación dos traballos rematará o vindeiro 13 de maio.
Rubén Prol, Xosé Pérez e Beatriz Varela na rolda de prensa (Foto: Nós Diario).
photo_camera Rubén Prol, Xosé Pérez e Beatriz Varela na rolda de prensa (Foto: Nós Diario).

O Departamento de Educación do Concello de Santiago de Compostela e Kalandraka Editora convocan o XV Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados, cunha dotación económica única de 9.000 euros.

O prazo de presentación dos traballos rematará o 13 de maio de 2022 e o fallo do xurado darase a coñecer durante a última quincena de xuño. Esta convocatoria ten como finalidade fomentar a produción artística e literaria destinada ao público infantil e xuvenil.

O concelleiro de Educación, Rubén Prol, acompañado por Xosé Pérez en representación de Kalandraka e Beatriz Varela, técnica do Departamento de Educación, presentaron onte en rolda de prensa a XV edición do Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados, dirixido a libros cun relato que se conte a través de imaxes, ou de imaxes e textos que se complementen.

As obras que se presenten poderán estar realizadas por unha ou varias persoas de calquera nacionalidade, e as obras presentadas deberán ser sempre orixinais e inéditas, en calquera das linguas oficiais da península Ibérica.

Non se admitirán aquelas que sexan adaptación doutros orixinais ou as obras que foran premiadas noutros concursos. Tampouco se admitirán as obras que teñan máis de tres ilustracións publicadas en Internet.

Estabelécese un único premio, dotado de 9.000 euros, que non se fará efectivo até que os autores ou autoras entreguen a obra rematada para a súa publicación. A obra premiada será publicada en todas as linguas oficiais peninsulares (galego, catalán, éuscaro, castelán e portugués) pola editorial Kalandraka no mes de novembro do ano 2022. 

Prazos de presentación das obras

Os traballos serán remitidos ou entregados no Rexistro Xeral do Concello de Santiago (rúa do Presidente Salvador Allende núm. 4, 15705 Santiago de Compostela). No sobre especificarase obrigatoriamente 'XV Premio Internacional Compostela para álbums Ilustrados'.

O prazo de presentación de orixinais abriuse o pasado 21 de febreiro e remata o 13 de maio de 2022. O Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado é un certame convocado desde 2008 despois dunha iniciativa que xurdiu na Campaña de Animación á Lectura en 2001.

Comentarios