Presentan o concurso 'Novos valores' do Festigal 2022

O cartaz desta edición é de Pruden Tatoo, o proxecto ourensán de deseño de Anxo Varela e Lúa Carballo.
Presentación do VI concurso 'Novos valores' do Festigal (Foto: Nós Diario).
photo_camera Presentación do VI concurso 'Novos valores' do Festigal (Foto: Nós Diario).

A comisión do Festigal, promovida por Galiza Nova e a Fundación Galiza Sempre, anunciou que lanza a VI edición do concurso 'Novos Valores' para a promoción e divulgación de creadoras e creadores da Galiza no ámbito musical, como unha plataforma de coñecemento e de difusión de artistas emerxentes nun momento crítico para a produción musical do país.

A banda gañadora actuará en concerto o 24 de xullo, na véspera do Día da Patria, no escenario do Festigal, en Santiago de Compostela.

Desde a organización fan un chamamento a participar neste concurso após dous anos de pandemia en que o sector artístico e musical foi un dos máis afectados.

Segundo explicou Marta Gómez, secretaria xeral de Galiza Nova, esta edición convócase poucos meses despois de saír á luz o resultado do proxecto socio-educativo 'O son da música', un estudo elaborado entre o estudantado de 10 a 18 anos na Galiza en que o 80% afirmaban non escoitar nunca ou case nunca música en galego.

Gómez apuntou que "nun momento en que se manteñen fechados os locais de ensaio de maneira que os novos grupos teñen menos facilidades para saír adiante, é necesario que existan propostas como este concurso que permitan dar a coñecer á sociedade galega as artistas emerxentes no noso país". 

Cartaz de Pruden Tatoo

Lucía Veciño, da Fundación Galiza Sempre, informou que o deseño do cartaz deste ano é de Pruden Tatoo, "o proxecto ourensán de deseño de Anxo Varela e Lúa Carballo, que tamén son novos valores nas artes do deseño e da tatuaxe que a abrir camiño cun estilo propio cunha temática reivindicativa e cun claro selo do país", asegurou. 

Os prazos para presentar as maquetas desta vez van do 16 de febreiro ao 3 de abril e o resultado farase público o 11 de abril de 2022. O xurado nesta ocasión está constituído por Alberte García e Marta Gómez, de Galiza Nova; Lucía Veciño, da Fundación Galiza Sempre; a banda gañadora dos Novos Valores na edición anterior (De Ningures); o músico Marcos Paino; a rexente da sala de concertos Malatesta, Catuxa Irago; a actriz Neves Rodríguez e os músicos Alberto Busto, de Arrhythmia; e Anxo Xermar, dos Festicultores Troupe e da Gramola Gominola.

Comentarios