CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

Premonición

Solace
(EUA 2015, 101 min.)
Dirección: Alfonso Poyart
Guión: Sean Bailey e Ted Griffin
Fotografía: Brendan Galvin
Música: Brian Wayne Transeau
Elenco: Anthony Hopkins, Jeffrey Dean Morgan, Abbie Cornish, Colin Farrell, Xander Berkeley, Janine Turner, Marley Shelton, Luisa Moraes, Matt Gerald, Jose Pablo Cantillo

SINOPSE

Tras vivir dous anos illado tras a morte da súa filla, o prestixioso psíquico John Clancy comeza a traballar co FBI para tratar de dar caza a un enigmático asasino en serie. O problema é que o asasino tamén ten moi desenrolada a psique.

CRÍTICA

Co gallo do 20 aniversario de Seven (1995, David Fincher), barallouse a idea de facer unha secuela, que de feito se chamaría Eight, mais dándolle un xiro de guión facendo que o detective Somerset (Morgan Freeman) adquirise de súpeto poderes paranormais. Unha idea bastante absurda que, felizmente, non prosperou. Iso si, o guión non acabou no lixo como era de esperar, simplemente se lle deu unha volta. Mudan título por aquí, personaxes por alá, contratan un director estranxeiro, mais descoñecido, que lle dea certo empaque e logo uns cantos actores de renome algo necesitados dun filme alimenticio e listo... xa temos Premonición a punto de caramelo. O FBI anda doente porque non dá atrapado un misterioso asasino en serie. Como deixando entrever que no corpo non hai ninguén competente que poida resolver o caso, recorren a un psíquico que lles bote unha man. Este non é outro que -oh casualidade- o grande Anthony Hopkins que, como todos recordaremos, viña de axudar con éxito á axente Clarice Starling noutro caso sonado. Ah, non... que esa é outra peli! En fin, que a pesar dos poderes do psíquico a cousa ponse rabuda... Dirixe o brasileiro Afonso Poyart (2 coelhos) cunha realización rutineira de transicións televisivas que só logra sacar do tedio cando recorre a uns logrados flash-forwards. O único que mantén un pouco o interese xunto, claro está, ao carismático Anthony Hopkins que se mete nun rol no que a sombra de Hannibal Lecter é moi alargada... inda que só sexa nas formas. Tamén atopamos a unha voluntariosa Abbie Cornish (Candy), coma axente do FBI e compañeira dun entregado Jeffrey Dean Morgan (Watchmen), mais tamén temos a un cansino Colin Farrell (Noite de medo) nun rol ao que non lle aporta nada especial máis aló do limitado rexistro de cariñas do seu catálogo particular...

Pouco máis que engadir a un thriller paranormal moi normaliño que bebe da estética de Seven máis tamén hai pinceladas de Next (2007, Lee Tamahori), Luces vermellas (2012, Rodrigo Cortés) e mesmo de Regresión (2015, Alejandro Amenábar). Premonición coloca sobre o tapete un puñado de interesantes ideas ao redor da morte digna e da percepción extrasensorial aplicada, mais non deixa de ser un filme do montón. Probablemente se non tiveran a sorte de enlear o xenial Anthony Hopkins a cousa apenas daría para un episodio piloto que aumentara a xa nutrida cota de series ianquis que mesturan investigación policial con poderes paranormais.

Comentarios