Os Premios Xerais de Novela reciben 54 candidaturas

O xurado elixiu como finalistas as obras enviadas baixo os lemas As cerdeiras, Batemos na porta do mundo e Por min e por tódalas compañeiras.
Imaxe das esculturas destes premios. (Foto: Edicións Xerais)
photo_camera Imaxe das esculturas destes premios. (Foto: Edicións Xerais)

Edicións Xerais comunicou esta sexta feira que xa ten finalistas para os Premios Xerais de Novela 2020. Despois da reunión do xurado, resultaron elixidas as pezas baixo os lemas As Cerdeiras, Batemos na porta do mundo e Por min e por tódalas compañeiras de entre 54 obras que concorrían ao galardón.

O escrito gañador da XXXVII edición deste premio darase a coñecer a próxima sexta feira, 18 de decembro. O recoñecemento literario está dotado, ademais, con 10.000 euros.

O xurado que decidiu as candidaturas finalistas estivo formado pola poeta Noa Moreira; a filóloga e tradutora Iria Pedreira Sanjurjo; o libreiro Carlos Coira; a xornalista Sara Vila Alonso; o profesor Alberto Cifuentes e Ramón Nicolás, como secretario do xurado con voz mais sen voto.

Doutra banda, tamén saíu a selección para o XII Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil. Para este galardón, dotado igualmente con 10.000 euros, se presentaron 24 persoas.

As pezas entre as se decidirá a obra gañadora levan por identificación os nomes Doppel, Santo Amaro e Xules.

Por último o xurado (os dos tres recoñecementos foron diferentes) do XXXV Premio Merlín de Literatura Infantil -cunha contía de 10.000 euros- sinalou a Fedora, Husu e O moucho está no Penedo de entre 43 traballos.

Todas as gañadoras destas convocatorias promovidas por Edicións Xerais transcenderán a próxima semana.

Comentarios