Premios Pedrón para o coro Cántigas da Terra e a filóloga Carmen Mejía

O padroado da Fundación do Pedrón de Ouro concedeulle o Pedrón de Ouro 2016 ao Coro Galego Cántigas da Terra da Coruña e o Pedrón de Honra á filóloga Carmen Mejía Ruiz, presidenta da Asociación Internacional de Estudos Galegos. 

cantigasdaterra
photo_camera O coro Cántigas da Terra no pasado Culturgal

No ano do centenario da creación das Irmandades da Fala, a Fundación do Pedrón de Ouro quere recoñecer a traxectoria dunha das súas creacións: o Coro Cántigas da Terra, que este ano tamén cumpre os seus 100 anos de existencia.  Esta iniciativa respondía ao anceio das Irmandades de conservar e difundir as expresións artísticas de música, teatro e baile tradicionais, que apreixan as formas de vida, costumes e crenzas dunha comunidade e reflicten o sentir da súa xente, procedendo como un elemento socializador que fortalece a cohesión grupal e se revela como un dos referentes identitarios de singular significado. 

Fundado na Coruña en 1916 e presidido polo escritor, académico e membro Irmandiño Eladio Rodríguez González, Cántigas da Terra, coa sede social no barrio de Monte Alto, ofreceu a súa primeira actuación no Teatro Rosalía de Castro o 12 de xullo de 1917 dirixido polo mestre Mauricio Farto. E a continuación a entidade ampliou a súa dimensión artística creando o grupo teatral baixo a dirección artística de Leandro Carré.

Até a Guerra Civil, Cántigas da Terra mantivo unha intensa ligazón coas Irmandades. Logo do alzamento militar de 1936, malia as dificultades da nova situación, o Coro sobreviviu mantendo o canto en galego afastado das directrices institucionais do réxime. Na década dos 50 refixeron o seu esplendor artístico e nas dos 60, 70 e 80 aumentaron considerablemente as súas actuacións, destacando a asistencia anual ao festival intercéltico de Lorient, ofrecendo unha proposta escénica na que se combinan canto, pezas instrumentais e danza, unha tradición herdada e transmitida oralmente e que se erixe en parte esencial dunha identidade sustentada na memoria colectiva da nosa comunidade rural.

Carmen Mejía Ruiz        

Doutora e profesora titular de Filoloxía Románica na Universidade Complutense de Madrid, Carmen Mejía exerce a docencia sobre literatura galega, historia da lingua galega, literaturas románcicas e da materia “Literatura e Identide  na península Ibérica”. As súas liñas de investigación son, entre outras, a poesía peninsular comparada, as linguas en contacto e o conflito de identidades culturais minoritarias. É a directora de Madrygal. Revista de Estudios Gallegos, publicada en Madrid. No Congreso celebrado en Bos Aires en 2015 foi nomeada presidenta da Asociación Internacional de Estudos Galegos

Carmen Mejía, nada en Valdepeñas (Ciudad Real), é -segundo a Fundación Pedrón de Ouro- unha "galega de vocación dedicada a que a nosa cultura brille no exterior". Ademais da súa actividade docente e directora de teses de doutoramento que tratan da problemática do galego, como activa defensora da nosa cultura participa en todo tipo de actos culturais de temática galega que se celebran en Madrid.

Dos logros desta profesora da UCM cómpre salientar a creación da revista Madrygal, aparecida en 1998 por iniciativa do Departamento de Filoloxía Románica, Eslava e Lingüística Xeral da UCM co obxectivo de contribuír á consolidación, desenvolvemento e difusión da lingua, literatura e cultura galegas desde fóra de Galicia e máis alá do seu ámbito educativo, filolóxico ou político. A publicación leva no título as iniciais de Madrid e Galicia como punto de partida para establecer un diálogo transfronteirizo. Conta coas seccións de Artigos, Crónica, Creación, Tradución, Entrevista e Recensións. A primeira directora foi María Josefa Postigo Aldeamil ata o número 4, cando pasou a compartir este cargo con Carmen Mejía Ruiz, anteriormente subdirectora e a partir do número 7 a súa única directora. Alonso Zamora Vicente figura como director honorífico.
 
Acto de entrega

O Pedrón de Ouro trata de sobrancear aquela personalidade ou entidade viva, residente en Galiza, que máis se teña destacado na defensa e promoción das diversas facetas da cultura nacional ao longo do ano ou na traxectoria dunha vida. Co Pedrón de Honra, a Fundación pretende distinguir a personalidade ou entidade viva, galega ou non, residente fóra da terra que máis se destacase coas súas achegas ao engrandecemento da nación e a súa cultura.  

O acto de entrega dos Pedrón de Ouro e Pedrón de Honra terá lugar o próximo 22 de maio nun acto literario no que actuarán de mantedores o musicólogo Balmero Iglesias, “Mero”, e a profesora da Universidade de Vigo, Ana Acuña, que se celebrará na Casa Museo de Rosalía, en Padrón, ás 12.30 horas.
 

Comentarios