Os Premios Martín Códax da Música xa contan con finalistas

Na gala, prevista para o 30 de setembro, brillarán nomes como os de Guadi Galego, Kaixo ou Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre
guadi galego immersión
photo_camera Guadi Galego é candidata na categoría de 'Pop/Indie' (Foto: Nós Diario).

O xurado profesional designado por Músicas ao Vivo (MAV) para facer a primeira selección de entre as 577 propostas recibidas na sétima edición dos Premios Martín Códax da Música Galega vén de facer público o nome dos 60 proxectos musicais finalistas.

Nas distintas candidaturas que conforman os Premios Martín Códax da Música Galega brillan con luz propia algúns nomes como os de MJ Pérez, Silvia Penide e Pablo Lesuit no apartado de Canción de Autor.

Tamén destacan os de Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, Mulleres de Gharghamala e Faia, que optan ao galardón na categoría de Música Tradicional; Agoraphobia, Moloch e Heredeiros da Crus na de Rock; Xoel López, Blanco Palamera e Gaudi Galego en Pop/Indie; Magín Blanco, Radio Bule Bule e Lingua Guapa Cantos que Contas, en Música Infantil; ou Brais Morán, Narci Rodríguez Da Trío e Carla Green & The Demons no apartado de Blues, funk e soul.

Ánxela Baltar, integrante da formación BALA; Xosé Miguélez, saxofonista de jazz e mestre de música tradicional; Belén Regueira, xornalista cultural; Julio Gómez, promotor musical, xestor cultural e director do Festival Sin Sal; e Patricia Cupeiro, docente e investigadora musical, ademais de xestora cultural, conformaron o xurado neste ano 2020.

As súas compoñentes salientaron o "arduo traballo" que supuxo desenvolver o seu labor, pois o número de inscritos e inscritas foi "moi alto", mais mostráronse moi "agradecidas e agradecidos" de que desde Músicas ao Vivo tivesen contado con elas para esta tarefa.

Agora serán as socias e socios de MAV quen decidan -entre o 20 de abril e o 3 de maio-, cal será o proxecto premiado de cada unha das 20 categorías diferentes. A gala decorrerá o 30 de setembro.

Comentarios