Os Premios Martín Códax da Música volven con novas categorías

Arrinca o proceso para a segunda edición dos Premios Martín Códax da Música, convocados pola Asociación de Músicos ao Vivo, e faino con novas categorías. Nacen nesta nova xeira os Premios Organistrum que suman os galardóns a mellor sala, mellor festival e  mellor Espazo de Comunicación Musical ás 15 categorías da anterior edición. 

´.
photo_camera ´.

Coa presentación pública da nova edición, bota a andar o proceso para elixir os nomes gañadores dos segundos Premios Martín Códax da Música que, promovidos pola Asociación de Músicos ao Vivo, buscan recoñecer a creación das producións musicais galegas e contribuír a súa visibilización. 

Da primeira edición queda pegada na súa páxina web na que seguen accesibles os 521 proxectos inscritos que deron como balance a máis ampla plataforma de música galega. Como no anterior ano, desta volta, os Premios Martín Códax seleccionarán 3 proxectos de cada unha das 15 categorías musicais ademais da mención honorífica a toda unha carreira artísticas, apartados aos que se unirán os Premios Organistrum que recoñecerán a mellor sala, o mellor festival e o mellor Espazo de Comunicación Musical. 

Para se inscribir non é necesario ter editado disco neste ano, nin mesmo ter disco algún producido. Abonda con seren proxectos musicais de grupos, solistas, espectáculos ou outras iniciativas discográficas realizadas no país ou fóra mais con músic@s galeg@s. A inscrición é, como na anterior edición, libre e gratuíta. Alén dos novos apartados dentro dos Premios Organistrum, a organización decidiu separar a categoría de rock do blues, funk e soul e engadir a de “canción de autor”. As distintas categorías musicais son: 

-Mellor Proxecto Musical Galego de Pop e Indie.
-Mellor Proxecto Musical Galego de Rock.
-Mellor Proxecto Musical Galego de Blues, Funk e Soul.
-Mellor Proxecto Musical Galego de Metal.
-Mellor Proxecto Musical Galego de Canción de Autor.
-Mellor Proxecto Musical Galego de Hip Hop e Músicas Urbanas.
-Mellor Proxecto Musical Galego de Reggae, Ska e Mestizaxe.
-Mellor Proxecto Musical Galego de Electrónica.
-Mellor Proxecto Musical Galego de Música Clásica e Contemporánea.
-Mellor Proxecto Musical Galego de Jazz e Músicas Improvisadas.
-Mellor Proxecto Musical Galego de Música Tradicional Galega.
-Mellor Proxecto Musical Galego de Folque.
-Mellor Proxecto Musical Galego de Músicas do Mundo. (Flamenco, MPB, Músicas Balcánicas, etc...)
-Mellor Proxecto Musical Galego de Música Infantil.
-Mellor Proxecto Musical Galego de Orquestras, Grupos e Músicas de Verbena.

A elección correrá a cargo de socios e socias de Músicos ao Vivo que votarán en dúas quendas. Na primeira escollerán tres finalistas de cada categoría e, na segunda, decidirán os premiados e premiadas entre as finalistas. A gala de entrega dos premios, na que se dará a coñecer o nome das candidaturas gañadoras, terá lugar en Pontevedra o 17 de decembro de 2014. Previamente, os tres finalistas das diversas categorías daranse a coñecer o 26 de novembro. O prazo de inscrición está aberto e pódese facer a través da páxina web dos premios. 

Comentarios