Os Premios Martín Códax da Música convocan a súa 3ª edición

Os grupos que queiran participar teñen até o 29 de febreiro para presentar as súas candidaturas. 
 

photo_camera Presentación dos premios no Salón Teatro de Santiago

Os Premios Martín Códax da Música presentaron esta mañá no Salón Teatro de Santiago a convocatoria da súa terceira edición, para a que se abre desde hoxe e ata o 29 de febreiro o prazo de inscrición de candidaturas a través da súa web. O certame que organiza a asociación Músicos ao Vivo cambia así as súas datas de celebración, de xeito que a gala se traslada do inverno á primavera (28 de abril) e pasa a compartir calendario con outros destacados premios sectoriais da cultura galega, como os María Casares de teatro ou os Mestre Mateo do audiovisual.

Outra das novidades é a incorporación da música vocal como categoría a concurso nesta terceira edición, para a que se convocan 16 modalidades musicais e tres premios 'Organistrum' para salas, festivais e espazos de comunicación, así como o recoñecemento honorífico 'Músicos ao Vivo' que se fará público o vindeiro 15 de marzo. Ademais, as bases permiten por vez primeira a participación no certame de artistas ou grupos de fóra de Galicia que canten en galego ou cun repertorio de raíz galega na súa meirande parte.

A gala de entrega que terá lugar o 28 de abril no Pazo da Cultura de Pontevedra, e poderemos coñecer os finalistas o 7 de abril durante a Festa de Nomeados que terá lugar nas adegas Martín Códax. Con esta terceira edición consolídanse estes galardóns, que se abren agora á participación dos máis de 15.000 músicos que forman parte de proxectos de canto coral no noso país.

Comentarios