Os Premios iluminan hoxe o momento máis difícil para a música ao vivo

Nunha gala conducida pola compañía Chévere, coñeceranse hoxe os nomes gañadores dos I Premios Galegos Martín Códax. Nacen co fin de visibilizar e promocionar a música galega nun dos seus momentos máis difíciles, como apuntan os datos do Observatorio Galego da Cultura. 

Víctor Lorenzo
photo_camera Víctor Lorenzo

No Pazo da Cultura de Pontevedra, ás 21.00 horas entregaranse os I Premios Galegos da Música Martín Códax, promovidos pola Asociación de Músicos ao Vivo e que terán a música, o teatro e o humor como protagonistas. 

Os premios naceron da man da Asociación de Músicos ao Vivo co fin de visibilizar e promocionar a música galega, nun momento no que a crise está a ter os seus efectos no sector. O recente estudo do Observatorio da Cultura Galega do Consello da Cultura, realizado sobre os datos da Sociedade Xeral de Autores e Editores e do Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música, fala dunha continua diminución do público e o número de espectáculos no pasado ano e aventuraban aínda unha maior merma cando os datos reflictan a subida do IVE no sector. O Observatorio fala dun “declive económico” no ámbito da música ao vivo.  

Porén, os Premios Galegos da Música Martín Códax deixaron á vista tamén o fervedoiro creativo deste tempo cando, mesmo para a sorpresa da organización, 523  propostas se presentaron á primeira parte do concurso. 

Primeiro premio 

O primeiro premio foi xa ter acadado através do concurso a plataforma máis ampla da música contemporánea galega, con representantes nas 13 convocatorias a concurso e unha morea de sorpresas que dan idea dun panorama musical sólido e plural e tamén moi descoñecido. Botar luz, visibilizar, as iniciativas musicais que se desenvolven no país estaba na orixe da creación dos premios e, en moi pouco tempo, a plataforma na rede cumpriu o primeiro obxectivo marcado. 

“A idea era crear unha plataforma on line para que os socios puideran escoitar as candidaturas e votar e conseguimos unha web que está a servir para difundir a nosa música e mesmo para que os propios programadores saiban o que se está a facer”,  comentaba Xacobe Martínez Antelo, músico, vicepresidente da Asociación e voceiro dos Premios Galegos da Música Martín Códax ao ver a riqueza da plataforma. 

A de hoxe día 13 de decembro nace con vontade de ser a festa que o mundo da música non tiña, único sector que carecía dunha convocatoria como os María Casares ou os Mestre Mateo. 

A gala poderá seguirse en directo desde a web dos premios www.premiosgalegosdamusica.com. Os grupos gañadores recibirán unha peza do escultor e músico Víctor Lorenzo que realizou catorce esculturas, sete homes e sete mulleres, co nome de “Os Melómanos”. 

Finalistas dos I Premios Galegos da Música son: 

Pop e indie: Xoel López , Eladio y Los Seres Queridos e TERELAND 

Rock, blues, funk &soul: NARF, Cró! , Foxy Freire 

Jazz e músicas improvisadas: Abe Rábade Trío, Marcos Pin Factor E-Reset, Paco Charlín "Flood" 

Hip-Hop e músicas urbanas: Dios ke te Crew, Wöyza, García MC 

Música clásica e contemporánea: Taller Atlántico Contemporáneo, Orquestra Vigo 430, Vertixe Sonora Ensemble

Folque: Berrogüetto, Cuarteto Caramuxo, Caxade

Música tradicional galega; Treixadura, Davide Salvado Trío, Cantigas e Agarimos

Músicas do mundo: Banda Crebinsky, 2us, Germán Díaz Método Cardiofónico

Música infantil: Mamá Cabra, A Nena e o Grilo nun Barquiño, Pablo Díaz e a Banda Tic Tac 

Electrónica: Das Kapital, Aquofono, Sub Rosa 

Metal: Machina, Nao, Tálesien

Reggae, ska&mestizaxe: Transilvanians, Dakidarría, Cuchufellos

Orquestras, grupos e música de verbena: A Magnifique Bande, Os da Ría, Orquestra Os Modernos 

Comentarios