Estas son as obras gañadoras duns Premios Follas Novas que homenaxean Lydia Cacho, a libraría Númax e Ediciós do Castro

Henrique Alvarellos, presidente da Asociación Galega de Editoras: "A lectura debe ser un eixo fundamental das políticas públicas, ao mesmo nivel que as políticas sanitarias, as educativas e as de servizos sociais".
Gala dos Premios Follas Novas, este sábado, no Teatro Principal de Santiago. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Gala dos Premios Follas Novas, este sábado, no Teatro Principal de Santiago. (Foto: Nós Diario)

O sector do libro galego asistiu este sábado a unha das citas máis sinaladas no calendario. O Teatro Principal de Santiago de Compostela foi o escenario elixido para dar a coñecer as autoras e autores gañadores nas diferentes categorías dos Premios Follas Novas. Barroco, de Antía Otero, foi a obra máis recoñecida con dous galardóns, á mellor produción de Poesía e ao Libro Mellor Editado, mentres Eva Mejuto viu premiados dous títulos: Memoria diversa, na categoría de Divulgación, e A ladroa da Biblioteca de Meirás, en Literatura Xuvenil.

A actriz de Chévere Patricia de Lorenzo foi a encargada de conducir a gala, encarnando o seu personaxe das Fillas Bravas, Isaura. Contou coa participación musical do grupo Noar, segundo clasificado nos Premios Narf. Os premios Follas Novas están organizados pola Asociación de Escritoras e Escritores en en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editoras (AGE) e a Fedración de Librarías de Galicia (FLG), co apoio do Concello de Santiago, a Deputación da Coruña, a Xunta da Galiza e CEDRO.

Outra das grandes protagonistas foi a autora mexicana Lydia Cacho, que recibiu un dos premios de honra, o que outorga a AELG, co obxectivo de recoñecer "o seu traballo sobre o feminicidio en Ciudad Juárez, polas súas investigacións sobre a prostitución infantil". O premio das librarías foi parar á Númax de Santiago, "unha libraría con inquedanzas, con curiosidade intelectual, con moitas actividades, e integrada nun espazo cultural cunha oferta leva de man cine e libros", mentres Ediciós do Castro foi elixida polas editoras galegas, que valoraron a "extraodinaria importancia histórica desta editoral que agora cumpriría sesenta anos". Recolleu este último premio Xosé Díaz, fillo do fundador da editorial, Isaac Díaz Pardo. 

Henrique Alvarellos, presidente da AGE, realizou o discurso institucional en nome das tres entidades organizadoras e reclamou "un verdadeiro, transversal, sedutor e ben dotado Plan de lectura en galego". A lectura en particular e a cultura en xeral, dixo, "debe ser un eixo fundamental das políticas públicas, ao mesmo nivel que as políticas sanitarias, as educativas e as de servizos sociais".

A Galiza, lamentou Alvarellos, "segue á cola das comunidades lectoras do Estado español" e a ausencia deses recursos, precisou, "está a ser cuberta pola acción, moitas veces individual e altruísta, das persoas creadoras, das librarías que estenden o seu horario para dar acubillo a tantos actos, das editoras que organizan, organizamos, todo tipo de accións de activismo cultural, do gran labor dos clubes de lectura, das docentes, do persoal das bibliotecas...".

O xurado desta oitava edición estivo formado por Cristina Barbeito Vázquez, David Cortizo Conde, Antonio M. Fraga Allegue, Tensi Xesteira, Lucía Novas Garrido, Montserrat Pena Presas e Nuria Vilán Prado.

Obras premiadas por categoría

Ensaio e investigación

A defunción dos sexos. Disidentes sexuais na Galiza contemporánea. Daniela Ferrández Pérez. Edicións Xerais de Galicia

Divulgación

Memoria diversa. Eva Mejuto. Deputación da Coruña

Narrativa

Os seres queridos. Berta Dávila. Edicións Xerais de Galicia

Infantil

O neno de lume. Ledicia Costas (autora), Iván R.(lustrador). Edicións Xerais de Galicia

Xuvenil

A ladroa da biblioteca de Meirás. Eva Mejuto. Edicións Xerais de Galicia

Libro ilustrado

Verme. Federico Fernández. Germán González.Kalandraka Editora

Banda deseñada, gráfico e humor

Roxín Roxal. A daga do conde. Manel Cráneo e Brais Fierro. Demo Editorial

Iniciativa bibliográfica

Chévere 1987-2022. Trinta ecinco anos de axitación cultural. Chévere. Kalandraka Editora

Obra traducida

Léxico familiar. Natalia Ginzburg / Traducido por María Alonso Seisdedos. Editorial Laiovento

Poesía

Barroco. Antía Otero. Apiario

Teatro

As alumnas. Paula Carballeira. Editorial Galaxia

Libro mellor editado

Barroco. Antía Otero. Apiario

Promoción da lectura

Traballadoras das Bibliotecas Municipais da Coruña.

Premios honoríficos

Premio da AGE

Ediciós do Castro.

Premio da FLG

Libraría Númax (Santiago).

Premio da AELG

Lydia Cacho (México).

Comentarios