Premios Deputación da Coruña: a cultura como un dereito

premios deputacion coruña

A Deputación da Coruña vén de entregar os seus premios cultuais nun acto presidido pola vicepresidenta e responsábel da área de Cultura, Goretti Sanmartín Rei. O acto, que estivo acompañado pola música de Adhara & Ritman, celebrouse no Pazo de Mariñán, situado no municipio coruñés de Bergondo.

Ata 14 foron os galardoados este ano pola Deputación, unha listaxe de artistas chegados de distintas áreas e con traballos de diversa natureza: narrativa, artes gráficas, música, proxectos culturais pola igualdade, ensaio, fotografía, teatro, artes plásticas e compromiso coa lingua. Nomes novos mais tamén persoas consagradas na creación cultural.

“Queremos que estes premios non sexan flor dun día, por iso facemos medrar actividades ao seu redor: exposicións representacións teatrais, concertos, edicións de libros etc. Queremos desenvolver un intenso traballo para visibilizar con orgullo o que se deriva da colleita deste ano, e que teña continuidade e sexa un punto de inflexión na nosa traxectoria”, sinalou Goretti Sanmartín, que situou os premios na liña de defensa da Deputación de que “a cultura é un dereito”.

Estes premios son un escaparate para visibilización a creación cultural en clave feminina. É o caso da agrupación “Máis boas cás patacas”, gañadoras na categoría xuvenil de “Quero Cantar”. O grupo, nado en Teo, reivindica co seu tema “Son Muller” os dereitos e igualdade das mulleres. Nesta categoría atopamos tamén a Marilar Aleixandre, gañadora do Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil, pola novela “A filla do minotauro”.

Tamén en narrativa destacaron as dúas gañadoras do Torrente Ballester en castelán deste ano. Son a tinerfeña Fátima Martín e a asturiana Ana Rivera, autoras de “El ángulo de la bruma” e “Lo que callan los muertos”, respectivamente. Máis que destacábel é “O corpo de Cristo” de Bea Lema, que gañou este ano o Premio Castelao de Banda Deseñada, convertíndose así na primeira muller en obter este recoñecemento. A francesa Camille Hedouin foi galardoada tamén co Premio Narf por “Mounqup”, un proxecto musical con bases electrónicas e voces. A italiana Federica Bau foi outra das protagonistas destes galardóns, gañadora do Premios Jesús Núñez de Arte Gráfica por “270D”.

En materia de recuperación da memoria histórica destaca o ensaio sobre a obra fotográfica de Ramón Caamaño, realizado por Raúl Soutelo e Jose Manuel Vázquez Lijo. No eido de teatro, atopamos a Ernesto Is coa súa obra “Despois das ondas”, que fai un repaso pola vida da actriz María Casares. Tamén Manuel Martínez Burgos, galardoado pola súa peza musical “Daivat”. O autor titulou a obra con este termo en sánscrito, que el interpreta como “o tempo que a memoria non alcanza a recordar”. Neste campo foron galardoados tamén Antón Piñeiro coa súa obra “A través do fume”, gañadora do Premio de Narrativa Torrente Ballester en galego, xunto con Xoán Crespo, gañador do Premio Ksado de fotoxornalismo por “Mascaritas”.

Os premios culturais da Deputación son tamén un importante recoñecemento para novos artistas, como o caso de Manuel Eirís, gañador do Certame de Artes Plásticas Isaac Díaz Pardo pola súa obra “Sen-título gris”. Tamén o grupo “Os nenos da Vella”, gañadores na categoría infantil de “Quero Cantar”, cun traballo que pon en valor a lingua e que recoñece proxectos como Asoaciación Socio-Pedagóxica Galega e APEGO, da Coordinadora de Traballadoras e Traballadores pola Normalización Lingüística, galardoadas este ano co Premio Rosalía de Castro. Tamén premiada polo seu carácter innovador atopamos a libraría de mulleres Lila de Lilith, gañadora do premio á mellor iniciativa cultural pola igualdade.

Comentarios