Os Premios da Cultura Galega recoñecen as artes e as letras

Marica Campo e Melania Cruz están entre as persoas galardoadas. 
Melania Cruz recolleu o premio na categoría de Artes Escénicas nos Premios da Cultura Galega 2022 (Foto: Xunta da Galiza).
photo_camera Melania Cruz recolleu o premio na categoría de Artes Escénicas (Foto: Xunta da Galiza).

Lugo foi o escenario onte da entrega dos Premios da Cultura Galega nunha gala en que se galardoaron persoas en categorías como Música, Letras, Artes Plásticas ou Audiovisual. A presentación correu a cargo do  xornalista Arturo Fernández, na TVG, mentres que Juanma LoDo e Lucía Pérez puxeron o toque musical á tarde, mais non foron os únicos xa que o Coro do Hospital de Lugo, integrado orixinariamente por traballadores sanitarios tamén tivo o seu espazo na gala.

Galardóns

O primeiro premio entregado foi o correspondente á categoría de Lingua que recibiu Manuel González González, un dos intelectuais galegos "máis relevantes do último século cuxa dedicación ao estudo e defensa e promoción da lingua galega fan del un piar fundamental na normalización do galego", segundo indican desde a organización.

Melania Cruz fíxose co premio na categoría de Artes Escénicas. Dela destacan a súa ampla traxectoria e os diferentes premios que recibiu ao longo da mesma, como o Premio María Casares ou o Mestre Mateo. Pola súa parte, os Cursos Universitarios Internacionais, Música en Compostela recibiron o premio na categoría de Música. "Levan a cabo un gran labor de preservación, coñecemento, formación e difusión do patrimonio musical", segundo afirma a organización dos premios.

A Asociación Cultural Xacarandaina foi galardoada co premio ao Patrimonio Cultural  polo seu traballo de "recuperación e catalogación dunha base importante do legado artístico tradicional galego". Polo seu lado, María Victoria Carballo-Calero recibiu o premio ás Artes Plásticas, pola súa "ampla bagaxe na investigación académica e na difusión cultural".Na sección audiovisual, Xosé Ramón Gayoso fíxose co galardón.

Del destacan a súa carreira xa que "o seu rostro aparece desde o primeiro minuto da emisión da televisión galega e desde entón mantense na pantalla nun dos programas máis lonxevos da TVG".

Finalmente, na sección de letras a premiada foi Marica Campo quen salientaron como  unha "exitosa autora de literatura infantil e xuvenil, cunha singular e contundente voz literaria que destaca pola seu compromiso para achegar a lingua galega ás xeracións máis novas".

Comentarios