Os Premios de Arquitectura 2020 destacan o labor de rehabilitación

A Cidade da Cultura, en Compostela, foi hoxe o escenario da entrega dos Premios de Arquitectura e Rehabilitación de Galiza 2020
gallegojorreto
photo_camera Intervención telemática de Manuel Gallego Jorreto na entrega dos Premios da Arquitectura 2020. (Foto: Nós Diario)

A Cidade da Cultura, en Compostela, foi esta cuarta feira o escenario da entrega dos Premios de Arquitectura e Rehabilitación de Galiza 2020. Uns galardóns que recoñeceron o traballo dos arquitectos Juan Ignacio Prieto, Faustino Patiño e Estefanía Grandal, Leonardo Llamas, Juan José Otero e Cecilia López, Juan Antonio Caridad e Isidro López, Alfonso Penela, e un recoñecemento especial á traxectoria profesional de Manuel Gallego Jorreto. 

O presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, foi o encargado de facer entrega dos galardóns e aproveitou a súa intervención para sinalar que nos proxectos galardoados se reflicte “o compromiso da arquitectura de Galiza coa recuperación urbana, paisaxística e coa sustentabilidade para deseñar as vilas e cidades do mañá”. Feixoo engadiu que a arquitectura “ten moito que dicir na reconstrución económica que afrontamos”.

Os proxectos premiados

O arquitecto do Carballiño, Manuel Gallego Jorreto, recibiu o Premio á traxectoria profesional, un recoñecemento que pon en valor o seu traballo “innovador e de respecto pola tradición e pola paisaxe”.

“Comprometido coa funcionalidade e coa beleza, coa terra, cos valores e coa nosa cultura até o extremo de poder dicir que as súas obras son patrimonio arquitectónico de Galiza”, abundou Feixoo.

O Premio de Arquitectura foi para a escola infantil A Veigadaña, en Mos. Proxecto de Juan Ignacio Prieto, Faustino Patiño e Estefanía Grandal. 

O galardón de rehabilitación dividiuse entre a rehabilitación, propiamente dita, a reconstrución e a intervención.

Os proxectos gañadores foron a reconstrución dunha vivenda afectada polo lume en Saa (Carballeda de Avia), obra de Juan José Otero e Cecilia López; a intervención no Pazo de Toubes (Cenlle), obra de Juan Antonio Caridad e Isidro López; e unha vivenda da Praza de Pescadores (Vigo), rehabilitada por Alfonso Penela. Deste último, Núñez Feixoo explicou que "hai un Vigo contemporáneo que non se explica sen el”.

O premio especial á sustentabilidade recaeu no arquitecto Leonardo Llamas, que levou a cabo a rehabilitación "centrada na eficiencia", dun edificio de oito vivendas, que no seu día acolleu o Hotel Galiza, situado no centro de Vigo. 

Comentarios