Palmarés

A muller, protagonista no festival de Cans

A cita co cinema máis popular do país, que chegou á súa XIV edición, entregou na noite do sábado os premios após o visionado das curtametraxes a concurso. Andrea Zapata-Girau, con dous galardóns, Alberto Vázquez, Arantxa Aranguren, Ricardo de Barreiro e Xulio Abonjo, Olga Osorio, Manuel Riveiro e Borja Santomé recolleron os recoñecementos do xurado.

[Imaxe: Alberto Pérez Barahona] Foto de familia das premiadas e premiados
photo_camera [Imaxe: Alberto Pérez Barahona] Foto de familia das premiadas e premiados

Cans viviu na noite do sábado a súa xornada álxida, coa entrega dos premios e o visionado das curtas a concurso. O xurado, formado por Alfonso Zarauza, Sonia Castelo, Luisa Romeo, César Goldi, Diana Toucedo, José Antonio Quirós e Mara Torres, premio co recoñecemento á curtametraxe de imaxe real, cunha dotación de 2.000 euros, para AAVA, de Andrea Zapata-Girau.

O xurado destacou “a utilización de recursos fílmicos contemporáneos, unha realización arriscada e unha mirada moi persoal traballando sobre diferentes capas como son a emigración, o exilio e a busca dunha nova definición do concepto de maternidade”.

O premio á mellor curtametraxe de animación, dotado con 1.500 euros, foi para Decorado, de Alberto Vázquez, por ser “un proxecto de animación cunha sólida dirección desde a que se contrúe un universo singular, misterioso e macabro cun dominio moi intelixente e transgresor dos recursos fílmicos”.

O galardón a mellor interpretación feminina, cunha dotación 250 euros, foi parar a Arantxa Aranguren por La Madrina, un filme onde traballou “desde a verdade nun rexistro cómico rozando o límite”. E a mellor interpretación masculina recaeu en Ricardo de Barreiro e Xulio Abonjo por Einstein-Rosen, ao “ser capaces de manter a coherencia dos personaxes cun longo intervalo de tempo e dar naturalidade á complexidade dos diálogos”.

O premio Crea á mellor realización, dotado con 300 euros, recaeu en Andrea Zapata-Girau, por Aava, ao “narrar desde a primeira persoa e vehicular dende o seu entorno máis cercano unha historia universal”. Era o segundo galardón co que se facía a directora de cine viguesa.

Xurado da veciñanza

Aliás, o xurado formado pola veciñanza, e formado por Jesusa Fortes “Susa do Barbado”, Milagros Ramilo, María Rodríguez Campos “Maruja da Capilla”, Ramón Areal “Moncho de Perucho” e Sandra Carballo, premiou Volant, de Raquel Pérez, “por ter como protagonista a unha muller forte que escolleu o camiño que ela quería pese a ser o difícil e por tratar un tema actual como a precariedade laboral”.

Aliás, o xurado dos videoclips, formado por Manu Viqueira, Marta Gómez, Marta Larralde e Judas Diz, acordou outorgar o premio ao vídeo do tema “Mi Re La” de Oh! Ayatollah, dirixido por Xaime e Antón Miranda, “por conseguir transmitir o espírito da canción”. “Ao xurado rouboulle o corazón este videoclip por lograr, con recursos mínimos, facer unha relectura á galega do clásico videoclip de Beastie Boys facendo ademais unha mestura de estéticas oitenteiras, na onda do filme Kung Fury”, sinalou a organización nunha nota de prensa.

O premio do público dos videoclips foi para “Restos de un naufragio”, de Igloo, dirixido por Fran X. Rodríguez.

Can Parade

Por último, o premio á mellor obra da Can Parade, elixido pola votación do público, foi para Encaixe arquitectura, que pasa a formar parte da colección do Círculo Recreativo e Cultural.

Comentarios