Novos Medios

O premio Youtubeir@s aposta por construír comunidade de creadoras dixitais

A gala dos premios Youtubeir@s celébrase esta sexta feira 29 de novembro ás 20 horas no teatro principal de Compostela. Os 27 finalistas, escollidos entre os 252 vídeos e canles inscritos, repartiranse até 6.500 euros en premios.
foto rolda 1
photo_camera Rolda de prensa de presentación da gala de Youtubeir@s

A gala dos premios Youtubeir@s, que terá lugar na sexta feira 29 de novembro ás 20 horas no Teatro Principal de Compostela, artéllase arredor da construción de comunidade na internet, celebrando a cada vez máis ampla familia de creadoras dixitais galegas. Son 27 as finalistas escollidas entre os 252 vídeos e canles inscritas, que se reparten 6.500 euros en premios.

«Conéctate á comunidade e multiplícate», exhorta o lema desta convocatoria. O acervo creativo do Youtube demostra que a nosa lingua, así como a súa relación coas novas canle de comunicación, é un elemento vivo que está en constante construción, evolución e transformación. Así o deron a coñecer Noa Díaz, concelleira de Educación, Mocidade, Igualdade e Políticas Lingüísticas de Santiago, e Roberto Rielo, técnico de normalización lingüística do Concello de Teo e secretario do xurado na rolda de prensa esta mañá en Compostela.

A gala

A actriz Patricia de Lorenzo será a encargada de conducir a cerimonia, fundida na personaxe de Isaura das Fillas Bravas do Grupo Chévere. A música correrá da conta do DJ Manu TF, mentres Iria Fafián elaborará en directo un gran graffiti para celebrar o final desta terceira edición do certame. A iniciativa responde a un traballo conxunto dos servizos de Normalización Lingüística de varios concellos, en colaboración coa Deputación da Coruña.

Díaz destacou a pegada social do proxecto, así como o seu labor no fomento da nosa lingua na rede social de vídeos máis grande do mercado global. Neste censo, celebrou a colaboración entre institucións educativas dos doce concellos implicadoa e as tres universidades.

O xurado, integrado por Nel Vidal, Johana Paradelo, Tomás Lijó, Brais Nogueira e Inés Salvado outorgará catro premios de 1.000 euros para os gañadores das categorías principais: vídeo-facermos, vídeo-opinarmos, vídeo-cantarmos e canle. Por outra banda, concederanse tamén premios á creatividade, á eficiencia comunicativa, á calidade técnica e á calidade lingüística, dotados con 500 euros. Na gala darase a coñecer a #propostayoutubeira, galardón que entrega o público.  

Rielo, desglosando os datos por idades, destacou que 43 % dos vídeos corresponden á franxa de 18 a 30 anos, o que pon de manifesto a relevancia desta sorte de iniciativas para promover o uso do galego entre a mocidade.

Comentarios