O Premio de Poesía Victoriano Taibo, en perigo

O Instituto de Estudos Miñoranos vén de informar do incumprimento de convenio coa Entidade Local de Morgadáns (Gondomar) por mor dun cambio de goberno que pón en perigo o premio. Chaman ao sector cultural a apoialo o vindeiro día 12 no acto de entrega da súa oitava edición.

O Premio de Poesía Victoriano Taibo leva xa sete edicións e xa estaba consolidado como un dos premios de poesía máis valorados do país, cunha dotación de 2.000 euros e a publicación da obra premiada. Sen embargo, este ano a institución que o financiaba (Entidade Local de Morgadáns, unha organización pública parroquial, das poucas que existen en Galiza) por mor dun cambio de goberno decidiu non apoialo cando xa estaba convocado e a piques de comunicar o gañador ou gañadora. 

Desde entón o Instituto de Estudos Miñoranos (IEM) que o promove está a convocar ao mundo da cultura para que apoie este galardón acudindo masivamente o vindeiro día 12 ao acto de entrega do VIII Premio, que foi financiado 'in extremis' polo Concello de Gondomar. 

O IEM puxo a andar e 2007 este galardón coa idea de recuperar a memoria do mestre galeguista, escritor, lingüísta e académico Victoriano Taibo (Compostela, 1885-Vigo, 1966), que foi mestre nesta parroquia de Gondomar durante máis de vinte anos, primeiro represaliado e logo restituído no seu posto. Membro da RAG, Taibo foi discípulo literario de Cabanillas e ten publicado tres poemarios, unha colección de contos e un ensaio dedicado a Rosalía.

Nestas sete edicións acadaron o galardón destacados poetas como Carlos Negro, Carmen Caramés, Elvira Ribeiro e Silvia Penas, Goretti Fariña, Carlos Solla, ConcepciónÁlvarez, Ramón Sandoval e Lara Rozados. 

Comentarios