Premio de Honra da Asociación de Actores para Eduardo Alonso

O galardón recoñece a traxectoria do dramaturgo e director teatral, primeiro director do Centro Dramático Galego e fundador, xunto a Luma Gómez, da compañía Teatro do Noroeste, que neste 2017 vén de cumprir 30 anos de traxectoria.

Eduardo Alonso 1
photo_camera Eduardo Alonso [Foto: LaDiapo/AAAG]

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) concédelle este ano a Eduardo Alonso o Premio de Honra Marisa Soto, galardón que recoñece a longa traxectoria deste dramaturgo e director teatral que foi o primeiro director do Centro Dramático Galego e que fundou, xunto a actriz Luma Gómez, a compañía Teatro do Noroeste, que neste 2017 vén de cumprir trinta anos de traxectoria. 

O premio será entregado durante a gala dos XXI Premios María Casares, que se celebrará o vindeiro 29 de marzo. Deste xeito, Eduardo Alonso únese á nómina de profesionais, entidades e colectivos teatrais que recibiron o citado premio dende a súa creación en 1997. Nesta lista de ilustres homenaxeados atópanse, entre outros, Maruxa Villanueva, Ana Romaní, Manuel Lourenzo, a Sala Nasa, Vicente Montoto ou a Revista Galega de Teatro (RGT). 

A directiva da AAAG, encargada de outorgar este galardón, recoñece así o labor de Eduardo Alonso ao longo de máis de corenta anos de profesión artística. Neste sentido, a Xunta Directiva da AAAG agradécelle a Alonso o seu destacado papel na profesionalización do teatro galego, proceso no que exerceu un rol imprescindible na fundación do Centro Dramático Galego, sendo un dos seus máximos impulsores e o seu primeiro director. 
Ademais, a Xunta Directiva da AAAG celebra o traballo que Eduardo Alonso exerceu en Teatro do Noroeste, compañía que sempre apostou pola incorporación de novos valores e deu a oportunidade de estrearse nas tábaos a un gran número de profesionais. 

Primeiro director do CDG

Nacido en Vigo en 1948, Eduardo Alonso é un referente para sector teatral galego, no cal xogou un papel de gran relevancia no seu proceso de profesionalización. Enxeñeiro técnico naval e xornalista de formación, Alonso dedicou a súa vida profesional á escena, exercendo principalmente como director, dramaturgo e iluminador. Iniciou a súa andaina nas artes escénicas ao longo dos setenta ao implicarse na creación de diversas compañías. Así fundou grupos como Teatro Zoo de Madrid (1970), Teatro Andrómena (1979), Teatro do Estaribel (1980-1981) ou Teatro do Noroeste, compañía histórica de Galicia que vén de celebrar neste 2017 o seu trixésimo aniversario. 

Alonso, ademais, converteuse no primeiro director do Centro Dramático Galego (CDG), entre 1984 e 1986. En 1984, a instancias de Luís Álvarez Pousa, director xeral de Cultura da Xunta naquela altura, elaborou un proxecto para a creación da institución de teatro público que vería a luz ese mesmo ano. 

O Premio de Honra Marisa Soto únese a diferentes recoñecementos que Alonso recibiu ao longo da súa carreira. Entre os seus galardóns, pódense subliñar os premios Compostela para a obra As alegres casadas ao mellor espectáculo da temporada e para Rei Lear, versionada por Alonso e Cándido Pazó, á mellor versión teatral en lingua galega. Alonso conta con tres premios María Casares: iluminación por Noite de Reis en 1997 e por Imperial: Café cantante en 2006 e mellor texto orixinal, tamén por Imperial: Café cantante. No ano 2010 recibiu o Premio da Cultura Galega. Alonso, ademais, conta con dous Premios Max ao mellor texto en galego.

Comentarios