Premio honorífico dos músicos para Dorothé Schubarth

Veu a Galiza de vacacións hai case 40 anos e rematou facendo a maior recolleita do cancioneiro tradicional galego. Agora a Asociación de Músicos ao Vivo recoñécelle o seu legado outorgándolle o seu Premio Honorífico 2017.

1142dorothe
photo_camera Dorothé Schubart durante unha das súas gravacións

Segundo a directiva de Músicos ao Vivo Schubarth é merecedora deste galardón "polas súas novidosas achegas metodolóxicas, a súa xenerosidade, a súa condición de muller intrépida e empoderadora doutras mulleres, así como o insuficiente coñecemento do alcance do seu legado por parte da sociedade galega". Recolleráo na gala de entrega dos IV Premios Martín Códax da Música, o vindeiro 3 de maio no Pazo da Cultura de Pontevedra.

Hai case corenta anos chegaba a Galiza de vacacións Dorothé Schubarth. Alguén lle falara da riqueza do noso folclore, sen esquecer referirlle a pobreza característica do noso país. A viaxeira era autora de destacados traballos sobre a música popular europea e, movida pola vocación, comezou a buscar as escasas recompilacións que existían no noso país sobre o tema. Ante esa insuficiencia, non o dubidou e comezou un traballo de colleita que se iría ampliando e enleando até dar lugar, seis anos máis tarde, á publicación do 'Cancioneiro Popular Galego', a máis importante recompilación do noso folclore musical, coñecida como a biblia da música popular galega.

O 'Cancioneiro Popular Galego', a máis importante recompilación do noso folclore musical, coñecida como a biblia da música popular galega.

Dorothé Schubarth desempeñaba desde 1971 a cátedra de harmonía e contrapunto na Academia de Música de Lucerna, en Suíza. Desde este posto desenvolvera unha intensa tarefa de investigación da música popular europea, dedicándose especialmente á zona dos Balcáns e do Cáucaso, así coma aos cancioneiros de Alemaña e de Francia. A partir deste material elaborou o volume 'O Canto Popular en Europa', que analizaba as formas que adoptaba a música do pobo ao longo do continente, e que foi publicado en 1978. Nese mesmo ano, chegou a Galiza e comezou a súa colleita segundo entrou no país, polo Cebreiro. Os seus coñecementos sobre a cultura musical galega e sobre a nosa lingua eran mínimos, e axiña se fixo evidente que precisaba de alguén para comprender os temas e transcribilos. Deste xeito entrou en contacto con Antón Santamarina, catedrático de Filoloxía Galega en Santiago de Compostela.

doazon_Dorothé- Schubarth

Xuntos comezaron un traballo de pescuda nos cancioneiros daquela editados no país, centrados no aspecto literario dos cantos e que non recollían a música, unha situación moi diferente da que Dorothé coñecera noutros países coma Alemaña. “Alá xa estaba en plena marcha todo o proceso de recollida e aquí practicamente había que comezar desde cero, pero xusto por iso era interesante, porque non é tan apaixonante andar detrás dos pasos de outros”. 

Por primeira vez, unha musicóloga emprendía a titánica tarefa de recoller o material do Cancioneiro Popular Galego, aplicándolle un método científico á clasificación e estudo dos temas

Sen apoio económico

Por primeira vez, unha musicóloga emprendía a titánica tarefa de recoller o material do Cancioneiro Popular Galego, aplicándolle un método científico á clasificación e estudo dos temas.  Deste xeito, coa axuda intelectual de diferentes persoeiros da cultura do país, a profesora Schubarth iniciou o seu traballo sen ningún tipo de apoio económico. Sucesivas solicitudes á nacente Xunta e a unha das principais institucións de mecenado da época, a Fundación Barrié foron denegadas. A situación cambiou finalmente, grazas ás xestións de Santamarina. “Un informe de Filgueira Valverde sobre o seu traballo permitiu que desde a Barrié lle pasasen unha pequena axuda e se comprometesen a editar a obra”, lembra o filólogo. Unha axuda coa que a profesora viviu durante os cinco anos que durou o seu traballo. 

Oitenta e dous concellos da comunidade autónoma e trece máis situados na zonas galegofalantes limítrofes foron visitados por Schubarth, que non conducía, facía o seu camiño a pé, en bus ou era levada dun lado a outro por condutores que ía coñecendo.  Iniciouse no galego a través dunha gramática de Carvalho Calero atopada nunha biblioteca; de calquera xeito recoñece que había moitas ocasións en que non entendía o que lle estaban dicindo. “Se non se entende hai que botar man da sensibilidade, dicir que si ou que non, é un comportamento que aprendes”. 

Como froito de todo este traballo, a profesora reuniu arredor de 5.000 letras diferentes que transcribiu Santamarina e que se viron obrigados a clasificar dalgún xeito

Como froito de todo este traballo, a profesora reuniu arredor de 5.000 letras diferentes que transcribiu Santamarina e que se viron obrigados a clasificar dalgún xeito. Seguindo os criterios empregados en Europa, realizaron unha organización temática das letras: cantos de oficios e labores, festas anuais, romances tradicionais, romances novos e outros cantos narrativos e dialogados, e, finalmente coplas diversas e cantos enumerativos. A esta grande clasificación temática acompañábaa unha ordenación da música segundo o seu xénero e atendendo a criterios coma o ritmo ou a cadencia.

Doazón ao Arquivo Sonoro

No seu laudatorio, a Asociación de Músicos ao Vivo considera que “Dorothé Schubarth introducíu parámetros científicos de clasificación descoñecidos en Galiza e novidosas metodoloxías de traballo e de compilación de cantos de 38 zonas xeográficas de Galiza e limítrofes, perfectamente analizados e catalogados en 7 volumes que foron publicados en 1984 pola Fundación Barrié baixo a denominación de Cancioneiro Popular Galego e que representa a biblia da lírica popular galega. Dentro das novidosas aportacións de Dorothé debemos destacar o rexistro en audio das recollidas, fundamental na transmisión oral da nosa tradición, e sobre todo, o recoñecemento da importancia radical das informantes, facendo constar o seu nome en cadansúa transcrición. A grandeza da súa xenerosidade e a de Antón culmina coa cesión de todo o material, tanto o publicado coma o inédito, ao Arquivo Sonoro de Galicia para a súa disposición e consulta pública, e que representa arredor de 5.000 letras e 248 CDs coas gravacións orixinais en cinta dixitalizadas. Todo isto unido á súa condición de muller, intrépida e empoderadora doutras mulleres, así como o insuficiente coñecemento da transcendencia do seu legado por parte da sociedade galega, convértena na indiscutible merecedora do Premio Honorífico 2017”.

Dorothé tamén recibiu outros recoñecementos, como o Día das Galegas nas Letras, dedicado a ela en 2014, ou o Pedrón de Honra en 2013 que outorga a Fundación Pedrón de Ouro, así como o Premio da Crítica Galicia na categoría de música tamén en 2013. 

Comentarios