MÚSICO E LUTHIER

Premio Honorífico dos Martín Códax da Música para Antón Corral

Así o define a asociación Músicos ao Vivo, que organiza estes galardóns: “Corral representa un fito na historia da música popular galega, tanto polo incansable traballo de investigación nas melloras construtivas dos instrumentos, como polo labor de dignificación e difusión do folclore, así como por ter formado a músicos e artesáns como Anxo Pintos ou Carlos Núñez, entre outros”.

antoncorral
photo_camera Carlos Núñez e Antón Corral no seu obradoiro

A directiva de Músicos ao Vivo fixo pública hoxe a súa decisión de conceder o Premio Honorífico desta terceira edición a Antón Corral polos seguintes motivos: “A historia musical de Galiza ten nomes que resoan por teren provocado saltos evolutivos cruciais para as xeracións posteriores. Nomes se cadra non coñecidos para o gran público pero si admirados e respectados por todos os que dun ou doutro xeito coñecen a transcendencia do seu labor, directa ou indirectamente. Un deses nomes é Antón Corral. Artesán, gaiteiro, mestre de grandes gaiteiros e sobre todo referente e traballador incansable pola mellora técnica e estilística dos instumentos populares galegos. Antón Corral supón un paso de xigante na música galega, desde a case marxinalidade até o recoñecemento internacional que hoxe ten, e todo feito desde unha humildade, xenerosidade e cariño que o fan dobremente admirable”.

O nome de Antón Corral forma parte xa da historia musical de Galiza. Trátase dunha das persoas máis sobranceiras no eido da experimentación instrumental da música tradicional galega. Un traballador incansable que foi o pai do "Obradoiro Escola de Instrumentos Populares de Vigo", onde desenvolveu un labor titánico como mestre artesán até o ano 2000. Creador da banda de gaitas Xarabal en 1984, da que foi director ata o ano 2008. Agora, xa retirado, aínda segue a desenvolver a súa paixón de artesán no seu obradoiro de Tui.

Nado na Coruña o 11 de xullo de 1936, Antón Corral entrou en contacto coa música no colexio tocando a bandurra e interesouse polos instrumentos tradicionais a través de Antonio Sandar, compoñente do grupo Os Amigos de Lug’. A súa primeira actuación foi cun grupo de rapaces chamado Os Garabullos do Alto. Durante o servizo militar tocou o clarinete na banda militar, e logo de licenciarse meteuse de cheo no mundo da gaita, e tocou cos Modernos de Lugo e Os Montes de Lugo, cos que tivo máis participación. Paralelamente, tocaba coa Sección Femenina e impartía clases de gaita en Cantigas e Frores.

Autodidacta

"Na miña familia non había músicos nin artesáns. Aprendín o meu oficio de maneira totalmente autodidacta porque me gustaba facer palletas e frautas". A este oficio chegou debido aos seus problemas de saúde. As viaxes constantes por España como axente comercial estaban a danar seriamente a súa saúde, ante iso, o médico recomendoulle que buscara un traballo máis relaxado. "Así que montei un taller de artesanía na miña casa", explica. En 1982 realizou una exposición en Vigo coa súa colección particular de zanfonas e gaitas. A mostra tivo tanto éxito que lle ofreceron desenvolver o seu labor como mestre artesán na Universidade Popular, a que hoxe recuperou o nome de Escola de Artes e Oficios de Vigo. "Aceptei a proposta e instaleime na cidade xunto con outros compañeiros que tamén traballaron nese centro”.

De Antón Corral e os seus colaboradores naceu a idea de crear un Grupo Didáctico Musical en 1983, coa intención de divulgar os instrumentos musicais populares galegos, levados polo grande descoñecemento que deles existía, tanto no que se refería ás súas características musicais, como no concernente a aspectos relativos á súa construción e outras peculiaridades. O traballo do grupo que viña centrándose nunha proposta didáctico-musical dirixida ás escolas e ás asociación culturais, transmitía nas súas actuacións en directo as actividades desenvolvidas no taller de construción de gaitas da "Universidade Popular de Vigo". No transcorrer das súas actuacións demostraban a grande riqueza e versatilidade da música tradicional galega. O público podía gozar dos sons da zanfona, requinta, pito pastoril, unha grande variedade de instrumentos de percusión, gaitas con afinacións diferentes, combinación de gaita e piano, concertos de cámara...Entre os seus compoñentes destacan nomes como: Carlos Corral, Carlos Núñez, Ramón Casal, Tiano Labraña, Xosé Carlos Villar "Bouza", Francisco Estévez "Chuco" ou Anxo Pintos, sempre apoiados polo seu padriño de luxo, o histórico gaiteiro Ricardo Portela.

Paralelamente, en 1984 nace baixo a súa dirección, a banda de gaitas Xarabal, como unha actividade máis do "Obradoiro Escola de Instrumentos Musicais Populares Galegos" da Universidade Popular de Vigo, coa intención, non só de potenciar e expandir a música popular galega, senón de realizar un traballo serio sobre a técnica de gaita e percusión, procurando forxar futuros profesionais que coñeceran e dominasen o instrumento. "Xarabal nace cunha idea moi concreta, centrarse na técnica de gaita e na percusión, non na iniciación". Isto traducíase en que todos os integrantes da banda xa viñan cunha traxectoria e uns coñecementos previos que ían perfeccionando dentro do conxunto. "Naqueles tempos era necesario incidir máis no aspecto técnico, que en ensinar nocións básicas de música. Diso xa se encargaban outros grupos".



 

Comentarios