O Premio Fiz Vergara Vilariño descobre a poeta Charo Lopes

O seu nome aparece no panorama literario ao gañar a XV edición do Premio Fiz Vergara Vilariño mais cústalle aínda que lle chamen escritora. De como acontece a fin do mundo é o título que asina, despois de ter participado da elaboración de moitos textos de activismo independentista con sinatura colectiva. 

Ao abrir a plica da XV edición do Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño ía aparecer un nome até o momento non vinculado á escrita literaria. O xurado composto por Marta Dacosta, Verónica Martínez e Miguel Anxo Fernán-Vello ademais da alcaldesa de Sarria, Pilar López, con voz e sen voto e a presidenta da Asociación Ergueitos -convocante- María Casar, en calidade de secretaria, escolleu por unanimidade o poemario de Charo Lopes como gañador dunha nova edición do premio  que se fallou esta segunda feira. 

“Vinme vivir para o rural e estou a ter unha vida máis saudábel que me permite escribir e ter unha vida mellor. O feito de ser premio con dotación económica tamén é importante xa que, malia ter horta e moitas actividades relacionados co agro, a miña situación é precaria”, explica a gañadora, Charo Lopes, licenciada en Xornalismo e con formación como fotógrafa mais asentada na comarca de Arzúa dedicándose á vida no agro . “Optei por esta vida por non querer emigrar e ter unha profesión que conta con poucas saídas de traballo”, explica ao tempo que considera un “luxo” poder dedicarse á escrita, agora de forma individual xa que, como explica, son moitos os textos nacidos en coautoría e sen sinatura. “Escribín moito desde o anonimato colectivo. Militei moitos anos en Ami mais aquel traballo de escrita non tiña o protagonismo que ten o ambiente literario”, anota. 

O futuro, a moral e a prisión

Ao seu ver, o título De como acontece a fin do mundo apunta cara o contido do libro. “Recolle unha crítica de como está o panorama que me preocupa bastante, o concepto de “desnivel prometeico”de  Günther Anders é dicir, a distancia entre unha acción e as súas consecuencias, coa gran complexidade do sistema. Chamar polo móbil ten a ver coa guerra do Congo, poño por caso. Interésame a moral do noso tempo, que nos distanciemos de lugares onde sen querelo estamos a facer parte. Se merco en Zara estou a consumir pantalóns manchados de sangue. O único moralmente asumíbel sería combater esa estrutura”, defende dunha filosofía que imprime no seu poemario. “Xúntanse unha serie de anécdotas e circunstancias concretas que fan parte dun mecanismo maior e máis perverso. Falo tamén a prisión porque teño gran relación coa presa independentista María Osorio e proximidade co tema e quería falar desde aí, desde a perversión penitenciaria”, explica, sorprendida mesmo de que con estes temas conseguira gañar o premio. 

Sorpréndelle aínda que a chamen escritora e dubida das identidades estanco no noso tempo. “Poderíache vender tomates en aceite ou xabrón ecolóxico, facer fotos ou traballar nun bar, o que fago unha noite á semana. Toda esta actividade é para non emigrar mais procurei tamén ter calidade de vida, unha existencia ben máis saudábel que a vida capitalista e post industrial. A idea era construír unha tribo sólida e ficar para transformar o país” defende 

Malia ser reintegracionista, a escritora optou por presentar a obra en normativa oficial. “Temín que fose unha dificultade. Recoñece que foi unha actitude covarde pola miña parte mais crin que se o contido era xa perturbador o tema da normativa sería un obstáculo aínda maior”, engade. 

Comentarios