O premio que descarta os orixinais na letra máis odiada

Se Tolkien presentara O Señor dos Aneis impreso en letra Comic Sans quedaría automaticamente descartado do concurso. O I Premio Antón Risco de Literatura Fantástica bota a andar cunha singular condición: excluír a letra máis odiada no mundo do deseño. 

ANTON

A “Comics Sans” ten vinte anos de existencia. Naceu para imitar en formatos dixitais a tipografía propia dos cadriños das bandas deseñadas e non tardou en ser popularizada a través de Microsft.  Malia iso, a singular tipografía espertou tamén o iracundo rexeitamento do mundo do deseño gráfico no que moitas voces ergueron armas para eliminar o seu uso. 

Na historia da “Comics Sans” houbo tamén episodios de especial virulencia como a súa aparición na descuberta do bosón de Higgs ou na escrita dos nomes dos gañadores da Copa do Rei. O recén creado I Premio Antón Risco de Literatura Fantástica súmase agora a eses momentos nos que a letra deseñada Vicent Connare é motivo de virulenta oposición. “Calquera orixinal entregada en letra Comic Sans será automaticamente descartado e o/a autor/a denunciado/a ante as autoridades competentes”, rezan as bases da convocatoria do premio convocado por Urco Editora en colaboración coa Fundación Vicente Risco, Sacauntos Cooperativa Gráfica, Libraría Aira das Letras, Livraría Traga-mundos, Pastelería Fina Rei e Restaurante Pingallo. 

O Premio Antón Risco de Literatura Fantástica quere homenaxear ao escritor, pouco coñecido, que visitou o xénero na súa obra tanto como teórico, autor ou mesmo editor, na estela de seu pai Vicente Risco, considerado na convocatoria introdutor da literatura fantástica no ámbito galego. 

O premio está dotado con 3.000 euros e a publicación da obra e o prazo de entrega remata o vindeiro 31 de agosto.

Comentarios