O Premio Carlos Casares-Kristina Berg vai para Brais Lorenzo

O xurado tivo en conta a "sensibilidade da súa mirada fotográfica, a calidade artística das súas obras, e o respecto e compromiso social que transmite o seu traballo".
As cruces presentes na contorna do faro Roncudo, onde traballan os percebeiros de Corme, lembran as persoas falecidas no mar. (Foto: Brais Lorenzo).
photo_camera As cruces presentes na contorna do faro Roncudo, onde traballan os percebeiros de Corme, lembran as persoas falecidas no mar. (Foto: Brais Lorenzo).

A Fundación Carlos Casares daba a coñecer este pasada segunda feira 20 de decembro o fallo do Premio Carlos Casares-Kristina Berg ao talento activo, que a entidade convoca anualmente en colaboración coa Deputación de Ourense.

O certame, que recoñece "o talento emerxente dunha persoa moza menor de 36 anos en calquera eido de coñecemento", foi nesta segunda edición para o fotógrafo Brais Lorenzo

Lorenzo, nado en 1986, foi seleccionado polo xurado pola "sensibilidade da súa mirada fotográfica, a calidade artística das súas obras, e o respecto e compromiso social que transmite o seu traballo" segundo apunta o fallo que fixo oficial o xurado.

Ademais, o comité destacou a alta calidade de todas as candidaturas presentadas.

O xurado desta edición estivo formado por Cristina Pato, María Martinón-Torres, María Canosa, Fernando González "Gonzo", Xavier Casares, Patricia Torres Madureira e mais Cristian Fojón Caruncho, gañador da primeira edición do certame. O premio está dotado con 10.000 euros en metálico.

Fotoxornalista nacional e internacional

O autor, formado na Escola de Arte e Deseño Antonio Faílde de Ourense, colabora en varios medios de comunicación da Galiza, entre eles Nós Diario, e outros a nivel internacional como The Guardian, ademais de axencias de prensa como a Agence France-Presse (AFP) ou Associated Press (AP)

Na súa traxectoria profesional, conseguiu premios como o Ortega y Gasset, o premio de Xornalismo Xosé Aurelio Carracedo ou o POY Internacional, un programa de desenvolvemento profesional para xornalistas visuais, sen ánimo de lucro, do Instituto de Xornalismo Donald W. Reynolds de Missouri.

Comentarios