CULTURA

Precariedade nos museos de Ribadavia

Precariedade nos museos de Ribadavia

A pasada terza feira 21 de xaneiro o Museo Etnolóxico de Ribadavia víase na obriga de "pechar momentaneamente por falta de persoal". Esta situación puntual pon en evidencia a precariedade do complexo, que viu reducido o número de traballadoras, que  ademais deben  asumir funcións no Museo do Viño.
A placa na entrada do museo a pasada terza feira 21 de xaneiro
photo_camera A placa na entrada do museo a pasada terza feira 21 de xaneiro

A pasada terza feira 21 de xaneiro, un cartaz colgaba na entrada do Museo Etnolóxico de Ribadavia: "Pechado momentaneamente por falta de persoal". Na xornada da cuarta, a institución recuperaba a súa actividade normal. Se ben o peche foi algo puntual, a incidencia é un síntoma da situación de precariedade que atravesa o complexo.

A Consellaría de Cultura anunciaba en novembro do pasado ano a supresión de tres postos de traballo neste museo pola amortización de prazas que estaban vacantes. Anteriormente xa desapareceran dúas, facendo un total de cinco postos de traballo menos respecto da dotación que tiña. Así, o museo perdeu unha praza de "vixiante", unha de "vixiante de arquivos, bibliotecas e museos" e outra de "técnica/o media/o de museos".

A Consellaría de Cultura anunciaba en novembro do pasado ano a supresión de tres postos de traballo pola amortización de prazas vacantes. Anteriormente xa desapareceran dúas

"Como acontece noutros servizos públicos, non se repoñen as baixas", explica Brais Fidalgo, de Ribeiro en Común. As traballadoras afrontan unha sobrecarga de traballo, especialmente desde a inauguración, demorada durante máis de tres décadas, do Museo do Viño o pasado verán. "A problemática agudízase", explica, porque parte do persoal ten que asumir funcións neste outro complexo, que se atopa a dous quilómetros de distancia.

No seu momento, tanto CIG como BNG e Ribeiro en Común denunciaron a precaria situación que, como sospeitaban, faría que o Museo do Viño compartise cadro de persoal co etnolóxico. Ademais, como advirte a concelleira do BNG de Ribadavia Maite Rodríguez, o peche podería repetirse, a falla de como mínimo unha persoa máis para a correcta xestión do centro.

As traballadoras afrontan unha sobrecarga de traballo, especialmente desde a inauguración, demorada durante máis de tres décadas, do Museo do Viño o pasado verán

Máis alá das súas funcións laborais, as traballadoras do museo asumen un destacado compromiso na dinamización cultural da vila, organizando múltiples actividades fóra do seu propio horario. Para alén da programación expositiva, fanse charlas, eventos culturais, presentacións de libros, concertos ou ciclos cinematográficos. 

O Museo do Viño da Galiza, baleiro de persoal e privatizado

O Museo do Viño da Galiza inaugurouse en xullo de 2019 na Reitoral de Santo André (Ribadavia), froito dun proxecto que tardou 30 anos en materializarse, cun investimento público de 1,36 millóns de euros. O director do Museo Etnolóxico tivo que pasar a asumir ao mesmo tempo a xestión deste centro, que está "claramente infradotado de persoal", declara Rodríguez, pois funciona só cun técnico de museos e tres subalternos. Ademais, parte dos seus servizos foron privatizados

Apoia Nós Diario

Se estás lendo de balde este xornal é grazas ás máis de 3.000 persoas subscritoras. A información independente ten un prezo. Apoia un xornalismo galego e sustentábel subscribíndote a Nós Diario ou facéndote mecenas.

comentarios