O PP afogou a Fundación Luís Seoane antes de destituír a súa directora

O padroado da Fundación Luís Seoane, a proposta do goberno municipal do PP, aprobou por unanimidade a destitución de Silvia Longueira como directora. O PP afogara a Fundación antes de deixar fóra a súa directora. 

Fundación Luís Seoane
photo_camera Fundación Luís Seoane

O presidente da Academia, Xesús Alonso Montero, o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares e o reitor da Universidade da Coruña, Xosé Luís Armesto ausentáronte onte martes á xuntanza do padroado da Fundación Luís Seoane na que se acordou por unanimidade a destitución da directora Silvia Longueira. As razóns alegadas polo goberno do PP para botar fóra ao cargo máximo da Fundación céntranse na vontade de imprimir outra “velocidade” no centro que ten como referencia a obra de Seoane. Sen embargo, o PP afogou economicamente á Fundación tanto nos orzamentos municipais como na eliminación do apoio directo da Consellaría de Cultura. 

O orzamento municipal destinado á Fundación Seoane diminuíu nun 40% no último exorcizo, pasando de 370 a 223.00 euros, a menor cantidade desde o ano 2.000. Nos orzamentos da Consellaría, desapareceron os 100.000 euros destinados por convenio á Fundación con sede na Coruña e, desta maneira, só recibiu do goberno galego 8.000 euros en calidade de subvención na convocatoria destinada a asociacións culturais. 

A Fundación mantivo, mesmo así, o nivel expositivo e incremento de actividades e un 20% máis de visitas, suplindo a merma orzamentaria co cobro de matrícula por cursos e a través de patrocinios. Para o próximo día 13 de novembro está prevista a inauguración de dúas novas exposicións. 

A directora da Fundación Luís Seoane, Silvia Longueira regresou ao seu posto hai dous anos e medio despois dunha excedencia de catro na que foi responsábel da área social no goberno municipal do PSOE. O coñecemento da súa destitución provocou que coleccionistas como Francisco Pillado e Lino Braxe retiraran as obras de Luís Seoane da súa propiedade recollidas na exposición en sinal de protesta. Varios coleccionistas máis lamentaron o cesamento e mostraron a preocupación pola obra depositada no centro. Silvia Longueira tiña coa Fundación a relación de persoal laboral con carácter indefinido. 

Comentarios